Tráfico lanza unha app para ter o carné de conducir no móbil

Tráfico lanzou a app %22miDGT%22 (Imaxe: Europa Press)

A Dirección Xeral de Tráfico habilita unha aplicación para levar o permiso de condución no móbil e axilizar trámites. 

A nova aplicación para móbiles da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) permite levar o carné de conducir no dispostivo telefónico. A app “miDGT’, dispoñíbel en galego, é de carácter gratuíto, para Android e iOS e serve tamén para ter no dispositivo a documentación do vehículo e facer algunhas xestións administrativas con Tráfico.

A ferramenta procura axilizar os trámites e reducir desprazamentos. Precisamente na segunda feira, 16 marzo, suspendeuse a atención presencial nas xefaturas de tráfico debido á crise sanitaria do coronavirus.

Para poder acceder á aplicación, é necesario estar dado de alta no sistema Cl@ve da Administración Xeral do Estado. Unha vez que se identificou a usuaria con Cl@ve, os accesos sucesivos realizaranse coa pegada ou o patrón de seguridade rexistrado no dispositivo.

Na pantalla inicial permite visualizar o permiso de conducir , dispor do permiso de circulación e da ficha técnica electrónica do vehículo, así como consultar outros datos, como a ITV, o seguro ou o distintivo ambiental; consultar o saldo de puntos; consultar e actualizar os datos de contacto e o domicilio que están nos rexistros da DXT; recibir avisos e alertas de interese; e acceder a noticias relevantes sobre o tráfico e a seguridade viaria.

Tráfico indicou que a aplicación irá incorporando progresivamente novas funcionalidades como solicitar cita previa na oficina máis próxima; obtención do informe do vehículo; aviso e pago de sancións; identificación do condutor en caso de denuncia; verificación de documentos oficiais; comunicación do condutor habitual do vehículo; consulta de notas de exame; matriculación de vehículos; e transferencia de vehículos entre particulares.