Tractorada en Brión contra o proxecto dunha balsa de almacenamento sobre o encoro de Barrié

Un momento da tractorada (Foto: Non á Balsa)

Veciñanza de Cornada e outros lugares mobilizouse baixo o lema “ non á balsa de Cornanda”

A veciñanza da Cornanda, en Brión (comarca de Compostela), leva meses mobilizándose contra os proxectos de centrais hidráulicas que hipotecan o futuro da parroquia e da contorna. Esta fin de semana realizaron tractorada para manifestarse en contra do outorgamento de concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento eléctrico (central de bombeo reversíbel).

A concentración saíu das inmediacións do local social, onde xustamente se atopa unha das explotacións máis importantes da parroquia. Cun berro de “Non á balsa” discorreu até os terreos “onde se pretende ubicar o macroproxecto”, informan desde a organización.

Foi unha manifestación concorrida, na que se deron cita veciños e veciñas, principalmente das aldeas afectadas da Graña, Vilariño, Cornanda, Alfonsín e Busto de Frades mais tamén de Goiáns, Os Ánxeles ou Bertamiráns, etc. xunto cuns vinte tractores da zona.

.A xornada, que transcorreu en todo momento sen ningún tipo de incidentes, rematou cun xantar de confraternidade “no que quedou claro que a veciñanza da parroquia de Cornanda seguirá loitando pola defensa das súas vivendas, do seu medio natural, e das súas granxas contra un proxecto de carácter especulativo e totalmente innecesario”.

As xentes da Cornanda saben das consecuencias dunha central hidroeléctrica. Tanto é así que levan desde 1948 convivindo cun encoro que anegou as mellores terras de labranza, impediu o desenvolvemento económico, impulsou a emigración forzosa de ducias de familias e mudou o clima da zona, introducindo unhas néboas descoñecidas até aquel entón.

A balsa prevista para a central da Cornanda ocuparía unha superficie de 35 hectáreas (Ha). A este respecto, Marta Romero, unha das voceiras da Plataforma Non á Balsa Cornada-Tambre, explicaba hai uns meses a Nós Diario que “a balsa fica moi perto dos núcleos de poboación, situándose a só 198 metros das vivendas do núcleo de Busto de Frade e ficando 75 metros por baixo as casas desta balsa, o que supón un perigo potencial para toda a aldea diante de calquera imprevisto natural ou provocado”. Neste punto, destaca “a existencia dunha falla na zona onde vai emprazada a central, co risco que pode representar”.

O impacto económico destas instalacións sería moi importante. Así, Romero, sinala que “a construción da central significaría a desaparición de 36 explotacións agrarias e gandeiras situadas na área de influencia”.

Apunta que “48% dos terreos precisos para a balsa son de uso agrícola, traballadas por explotacións que teñen á fronte persoas novas ou contan con relevo xeracional”. Ao tempo, destaca “a incidencia que a actuación pode ter na actividade marisqueira da ría de Noia, onde desemboca o Tambre”.