Traballo sexual e dereitos, a debate

O colectivo Hetaira visita Galiza. Ourense e Compostela acollerán senllos coloquios sobre prostitución.

 

Falamos de prostituçom com o coletivo Hetaira. Eis o lema das dúas palestras que este movemento en defensa dos dereitos das traballadoras sexuais desenvolverá na Galiza os días 20 e 21 de novembro. 

Será en Ourense, no centro social a Galheira e en Compostela, no centro social ocupado autoxerido Escárnio e Maldizer. Senllas actividades foron promovidas desde a Asemblea Feminista de Ourense e o colectivo Mugre. 

O obxectivo, abrir o debate arredor da prostitución da man deste colectivo, Hetaira, nado en marzo de 1995 en Madrid. Trátase dunha iniciativa impulsada por un grupo de mulleres, algunhas traballadoras sexuais, outras non; que decidiron organizarse para "combater o estigma social" que atinxe as prostitutas. De maneira organizada defenden os seus dereitos, isto é, a desenvolver o seu traballo "tranquilas", a sindicárense e a cotizar a Seguridade Social. Mais tamén, para se defenderen colectivamente e denunciar as "agresións físicas, chantaxes" e "abusos de poder". 

Dereitos humanos, autoestima e empoderamento

Entre os obxectivos de Hetaira, explican através do seu portal web, atópanse para alén da defensa dos dereitos das prostitutas a "loita contra a estigmatización social e a criminalización da prostitución". Aliás, traballan a prol da "concienciación da sociedade sobre a realidade da prostitución e a súa contorna", ao tempo que fornecen de apoio as persoas "vítimas da trata de seres humanos, a protección, atención, asistencia formativa, informativa, xurídica e psicolóxica das mulleres vítimas de trata obrigadas a exercer a prostitución". 

A acción de Hetaira diríxese á defensa dos Dereitos Humanos, quer das traballadoras sexuais que deciden de maneira autónoma desenvolver esta actividade, quer daquelas que se ven na obriga de o facer. Potenciar o desenvolvemento persoal e a integración social das traballadoras do sexo, así como reforzar a súa autoestima e propiciar o seu empoderamento na procura de se converteren en punto de referencia e mesmo en mediadoras de existiren conflitos.