Análise

O traballo decente é bo para a saúde mental

Cando o trastorno mental irrompe na mocidade, con frecuencia prodúcese un parón no desenvolvemento educativo, laboral e relacional. (Ilustración: Álex Rozados)
A psicóloga clínica Rosa Cerqueiro analiza para 'Nós Diario' os factores, como o traballo, que inflúen na saúde mental.

O traballo decente é bo para a saúde mental. Así é como inicia a nota de prensa publicada pola OMS hai escasos días sobre a saúde mental no traballo. Paréceme moi significativa a elección desta palabra. Parece aludir á condición máis básica de calquera traballo: xusto, digno, de calidade ou cantidade suficiente, seguindo a definición da RAE.

A Escala EPRES de precariedade laboral describe as dimensións do traballo que afectan á saúde e ao benestar das persoas traballadoras. Estarían a temporalidade e os salarios (en que medida podería cubrir gastos imprevistos), pero tamén o desempoderamento (carecer de poder de decisión en relación coas condicións de traballo), a vulnerabilidade (sentimento de indefensión e medo ás represalias ou a ser despedida por reclamar mellores condicións ou non cumprir certas ordes), os dereitos laborais (como a indemnización por despedimento) e a capacidade para exercer eses dereitos (días libres, descansos entre xornadas ou as vacacións).

Un artigo de investigación publicado no último número de Gaceta Sanitaria (da Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria) amosa que a alta precariedade triplica as probabilidades de sufrir unha mala saúde mental, cun efecto independente doutras variables como as económicas.

A Enquisa de Poboación Activa do ano 2020 inclúe un módulo sobre problemas de saúde relacionados co traballo. Os relacionados co estrés, depresión ou ansiedade son os segundos máis frecuentes (por detrás dos problemas óseos, articulacións ou musculares). Máis de 15.000 persoas refiren ter padecido un problema de saúde mental que valoran directamente producido ou empeorado polo traballo.

Un 45% das persoas ocupadas afirman estar expostas a factores adversos para o seu benestar mental producidos na contorna laboral

Por outro lado, un 45% das persoas ocupadas afirman estar expostas a factores adversos para o seu benestar mental producidos na contorna laboral, resaltando como factor de maior impacto (entre o listado suxerido) as presións de tempo ou a sobrecarga de traballo. Como segundo factor de impacto negativo, as mulleres indican sufrir un trato difícil con clientes, pacientes, alumnado, etc, e os homes resaltan a inseguridade laboral.
Estes datos contrastan coa insuficiencia do recoñecemento dos problemas de saúde mental como enfermidades profesionais, a pesar de que desde 2010, a Organización Internacional do Traballo inclúe os trastornos mentais e do comportamento na lista de enfermidades profesionais, cando se estableza un vínculo directo entre a exposición a factores de risco das actividades laborais e o diagnóstico de saúde mental.

Por outro lado, tamén deberíamos analizar a situación das persoas con diagnóstico psiquiátrico e o seu acceso ao emprego. A Convención da ONU sobre as persoas con discapacidade sinala o dereito a traballar, en igualdade de condicións, nun traballo libremente elixido ou aceptado, nun mercado e un entorno laboral que sexa aberto, inclusivo e accesible.

Xa comentei nun artigo anterior a desigualdade no acceso ao traballo para as persoas con discapacidade recoñecida (só 24% conseguen traballo, e cando a discapacidade é de tipo psicosocial a taxa diminúe ata 15%) e a diferenza de salario con respecto ás persoas sen discapacidade recoñecida. Cando se consegue un emprego, non sempre se conta cos apoios necesarios para a súa adaptación e dunhas características que non sexan excesivamente repetitivas e non estimulantes porque iso non potencia o sentido de competencia persoal. Cando o trastorno mental irrompe na mocidade, con frecuencia prodúcese un parón na súa traxectoria de desenvolvemento, educativo, laboral e relacional e con isto as posibilidades de conseguir a autonomía e o benestar. As políticas de fomento do emprego, seguro e saudable, son fundamentais para recuperar esas traxectorias de vida.

Por último, tamén é importante remarcar a falta de estratexias de reincorporación ao traballo tras un período de incapacidade laboral, sobre todo en baixas de longa duración, que diminúa a posibilidade de recorrencia, ademais das dificultades que con frecuencia aparecen á hora de materializar medidas de adaptación ao posto de traballo, que fai pouco factible esa reincorporación.

Baixo o título Traballo, dignidade e dereitos: alicerces da saúde mental, o Movemento Galego da Saúde Mental visibilizará estas problemáticas o 15 de outubro na súa xornada anual, aberta ao público. É necesario romper o silencio sobre saúde mental no traballo e a persistencia de solucións en exceso ou exclusivamente medicalizadas.