"O traballo dos bombeiros non é botar xente das súas casas"

Roberto Rivas [Imaxe Galiza Contrainfo]

Roberto Rivas prestou declaración esta quinta feira nos xulgados da Coruña arroupado por centos de persoas, activistas sociais e compañeiros de traballo. Acusan a este bombeiro de desordes públicas por rexeitar facer parte do despexo de Aurelia Rey en marzo de 2013. El afirma: ''volvería facelo''.

Roberto Rivas prestou declaración esta quinta feira (4 de setembro) nos xulgados da Coruña. O seu nome non é recoñecíbel para a maior parte das persoas, porén, a súa fotografía percorreu as principais cabeceiras da imprensa do país. De profesión bombeiro, Roberto ou 'Gío', como o coñecen as súas amizades, rexeitou facer parte do despexo de Aurelia Rey en marzo de 2013 declinando cumprir coas ordes da policía española que lle exixían rachar coa cadea que impedía o acceso d@s axentes á morada desta octoxenaria coruñesa. 

Á saída das dependencias xudiciais Rivas fixo unha valoración do acontecido naquela xornada. A primeira vez que o facía pois, embora ser requerido polos medios de comunicación, Roberto rexeitou "aproveitar o tirón mediático", segundo el mesmo explicou. 

"Os bombeiros non debemos realizar este tipo de funcións"

"Non foi algo premeditado", afirmou rodeado de xornalistas e de varios centos de persoas que acudiron á concentración convocada por Stop-Despexos para lle amosaren a súa solidariedade. "Os bombeiros non debemos realizar este tipo de funcións" pois, subliñou Rivas, no seu labor "non está botar a xente da súa casa". 

Así é que após serlle demandada a retirada da cadea que impedía o acceso da policía á vivenda de Aurelia Rey para procederen ao seu despexo, Roberto Rivas colleu un cartaz do movemento social a prol do dereito á vivenda e saíu do edificio perante a sorpresa d@s axentes e os aplausos e asubíos das moreas de veciñ@s que, concentrad@s, tentaron impedir que Aurelia fose botada á rúa. 

"Collín o cartaz para visibilizar con contundencia esa idea", a de que o seu traballo non é actuar ao servizo das entidades financeiras e @s rentistas deixando xente sen casas. Unha reivindicación que partillan tamén moit@s d@s compañeir@s de Roberto. Ocultar o seu rostro foi tamén unha maneira de reflectir que "eramos todos os bombeiros". 

"A desobediencia civil é unha forma máis de combater a violencia legal na que vivimos"

Após o acontecido, o operario foi denunciado pola policía --xunto con activistas e representantes institucionais que se atopaban aquel día perante a morada de Aurelia Rei. Esta quinta feira, Rivas prestou declaración mais, salientou ás portas do xulgado, "o que está a acontecer aquí non ten nada que ver co daquel día". 

"Incitar á violencia"

Para Roberto Rivas o seu axuizamento é por "alterar as masas" e mesmo, "incitar á violencia", segundo lle indicou a xustiza. Neste senso, e embora "estar aí" as imaxes --como el propio indica-- o seu xuízo responde ao interese por coidar "ilegal" a defensa dos dereitos das persoas. 

"A desobediencia civil é unha forma máis de combater a violencia legal na que vivimos", insistiu perante os medios de comunicación, con tranquilidade e moita firmeza. Pois, acrecentou, "hai leis que si que incitan a violencia". O seu xulgamento, subliñou, non é froito do incumprimento coas súas obrigas laborais, como podería parecer, senón "defender os principios e valores" que o levan a rexeitar tomar parte en accións coma os despexos. 

"Non teño ningún medo", aseverou Roberto Rivas, "o peor que me podía pasar era perder o meu traballo" do que di "tocoume a lotaría por ter a sorte de traballar no que me gosta". Porén, recunca, "o meu traballo non é botar a xente das súas casas". 

Atestados policiais "falsos"

Na súa intervención pública Rivas denunciou o carácter "falso" dos atestados policiais que foron presentados como probas xudiciais. Asegurou que "policías con cargo" como "comisarios" redixiron de maneira errónea os feitos e omitiron partes do acontecido. "Eu non cometín ningún delito", afirmou. 

Fronte aos centos de persoas que se concentraron perante os xulgados, Rivas amosouse "agradecido polo cariño" e a "solidariedade" que lle transmitiron. Un apoio que chegou desde todos os recunchos do país e do estado como reflectían as máis de 104.000 sinaturas recollidas.