Traballadores contraincendios avogan por un servizo único e a fin da “precariedade e desigualdade”

Incendio Parque Natural do Xurés

Atrifoga realizou en Silleda a súa primeira asemblea anual

Un ano e un mes despois da súa constitución, Atrifoga (Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia de Tres Meses) vén de realizar en Silleda a súa primeira asemblea anual. Este colectivo engloba 436 traballadores do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais) que só prestan os seus servizos tres meses ao ano. Precisamente, Atrifoga naceu para defender estes operarios fronte a unha “modalidade de contratación que os limita a traballar só nos meses do verán”, sen poder facer substitucións -no propio servizo contraindencios - o resto do ano e sufrindo diversas problemáticas para o acceso a outros empregos ou a axudas sociais.

 

A asociación volve denunciar “a precariedade, inestabilidade e desigualdade que supón estar nesa situación de incerteza laboral”, excluídos do Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia. Avogan por un servizo único (“evitando a segmentación e a descoordinación das diferentes entidades que integran o dispositivo: públicas, privadas, públicas con xestión privada, comarcais, municipais, civís e militares”); igualitario (“impedindo as diferenzas laborais e salariais”); e público (o servizo non debe estar sometido a lucro económico e debe ser xestionado, íntegramente, pola Xunta).

 

Atrifoga lembra que desde hai anos Galiza padece unha desestacionalización dos incendios, polo que cómpre un novo dimensionamento do servizo, con tarefas que se abren a rexeneración forestal e atención ás emerxencias rurais, que aparecen recollidas tanto no propio Convenio como na lexislación vixente de emerxencias e de protección civil. “A administración debe mudar a súa estratexia contra o lume dando prioridade ás políticas preventivas e crear unha maior resistencia do monte ante eses incendios tan agresivos, de xeito que se eviten ou se minimicen os efectos e as perdas que provocan as miles de hectáreas calcinadas”.