Traballadoras sociais urxen o reforzo inmediato dos servizos sociais

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita un centro de maiores.
O Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza censura a pasividade da Administración galega e insta tanto á Xunta como ás entidades locais a contratar profesionais que dean cobertura de forma continuada e ininterrompida aos servizos sociais.

O Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza urxe a Política Social a reforzar “de inmediato” os equipos de servizos sociais co obxectivo de evitar que os colectivos máis vulnerábeis caian nunha situación de “extrema necesidade” tras a crise do coronavirus.

“A Consellería de Política Social debe elaborar un plan que dea resposta e se anticipe á problemática social que se vai derivar do parón que implicou o coronavirus”, advirte a xunta de Goberno da entidade, que insta á Administración a reverter a súa “actitude pasiva e apostar por unha coordinación sociosanitaria decidida. A falta dela levounos a esta situación de crise de recursos”, destaca.

Sobrecarga

A través dun comunicado, as traballadoras sociais destacan que na Galiza non se está a cumprir a proporción recomendábel de traballadoras sociais, “que debera ser de un ou unha profesional por cada 1700 habitantes, especialmente nas cidades, onde os servizos sociais están totalmente desbordados”.

Como colaborador da Xunta no Teléfono de Atención Social, advirte o Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza, é coñecedor da sobrecarga de tarefas que están a sufrir estas profesionais e, en xeral, os servizos sociais comunitarios galegos. Así, demanda que a Xunta “cumpra co seu deber de previr e anticiparse reforzando os equipos con contratacións estábeis, non con parches temporais”.

Entidades locais

Co fin de asegurar unha asistencia adecuada, tamén se dirixe á Federación Galega de Municipios (Fegamp) para que procedan a contratar “de forma extraordinaria e urxente a traballadoras sociais que dean cobertura de xeito continuado e ininterrompido aos servizos sociais”.

Neste sentido, lembran que “a lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público da Galiza establece a posibilidade de contratar persoal funcionario interino de xeito inmediato e por un período de ate tres anos para suplir a necesidade de programas puntuais de urxente atención”. Isto, din as traballadoras sociais, permitiría garantir “o dereito da cidadanía a unha asistencia integral e de calidade”.