As traballadoras sociais propoñen á Xunta asumir o rastrexo de contactos da Covid-19

O Colexio reivindica a coordinación cos servizos sanitarios e sociais durante a pandemia. (Europa Press)
O Colexio de Traballo Social remitiu onte un escrito á Xunta para propor que sexan estas e estes profesionais quen realice o rastrexo de contactos das persoas afectadas polo coronavirus, un dos mecanismos que se está a revelar como ferramenta eficaz no control dos surtos. 
Na Galiza, este campo aínda ten traballo por diante, á vista dos datos do Instituto de Saúde Carlos III, que apuntan a que case a metade dos contaxios (46,7% desde o 11 de maio) ten orixe descoñecida.

"Entendemos que a figura profesional é a máis apropiada para levar a cabo esta función porque é un traballo que xa se fai por parte das traballadoras sociais sanitarias dos centros de saúde", estima a presidenta do ente colexial, Miriam Rodríguez, que alude á metodoloxía deste perfil, mais tamén aos seus principios deontolóxicos e habilidades.

"Ao traballarmos na Galiza, coñecemos as características sociodemográficas e os recursos, temos unha rede cos Servizos Sociais dos Concellos e contamos con estreitas colaboracións profesionais", enumera a representante do Colexio, que suma a capacitación na xestión de datos e a súa experiencia nestes contextos.

Como expón en declaracións a Nós Diario, este colectivo laboral forma parte, desde hai 20 anos, das Unidades de Prevención e Control da Tuberculose, desde as que se fai un censo de contactos, e tivo implicación directa na xestión da pandemia desde os primeiros meses. "Traballamos, tanto desde os hospitais e a Atención Primaria como desde os Servizos Sociais e outras entidades e mesmo puxemos en marcha, coa Xunta, un teléfono de información con traballadoras sociais voluntarias", argumenta Rodríguez. 

Contra a externalización

Segundo a información trasladada desde o Sergas no mes de maio, a Xunta conta cun equipo –externalizado– dedicado a funcións de rastrexo de contactos, formado inicialmente por 20 profesionais, e que debía ampliarse até as 50. Porén, o presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, defendía hai poucos días que "máis de 6.000 persoas teñen dentro das súas funcións a detección e seguimento" a nivel galego, "tanto en [Atención] Primaria, como en preventiva, como no ámbito técnico", sen especificar os seus perfís.

"Externalizar un servizo coma este non parece apropiado, porque non terá a mesma eficiencia. Sendo profesionais que traballamos para a Administración pública, defendemos este papel, polo traballo e colaboración coa medicina e a enfermaría e polo noso traballo escrupuloso na xestión e na protección de datos", sinala a presidenta do Colexio, que reivindica a coordinación "estreita" cos servizos sanitarios e sociais na detección, tanto de vulnerabilidades previas das persoas afectadas pola Covid-19 como das necesidades derivadas do contaxio ou da situación de confinamento.

Neste sentido, o Colexio de Traballo Social defende, na cuestión de cobertura destas prazas, "que existen traballadores e traballadoras sociais formadas nas listas de contratación temporal do Sergas con dispoñibilidade para prestar este tipo de servizo, sendo esta a vía de acceso máis axeitada por garantir igualdade, xustiza e transparencia no acceso".

"Contamos coa experiencia"

 A presidenta do Colexio destaca ademais a experiencia con colectivos vulnerábeis, os máis expostos ao virus, segundo o Colexio. "Traballamos con persoas que teñen problemas de saúde, de falta de recursos ou de precariedade. Contamos con esa experiencia e estamos afeitas a facer seguimento, non só a nivel individual, senón tamén das familias e dos grupos e colectividades", defende, para pór de relevo a capacidade de xerar confianza destas traballadoras.