Traballadoras e familias usuarias afirman que a situación empeorou nas residencias

Usuarias da residencia de maiores de Carballo en xuño de 2021. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Tres anos após a declaración do estado de alarma que virou toda a atención sobre a pandemia da Convid-19, as residencias de maiores manteñen como terminantes "cambios provisionais" que lonxe de mellorar as condicións das persoas usuarias "están a empeorar" a súa situación e a das súas familias. 

"Nalgún momento deste ano" acabarase a pandemia provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 e a doenza que ocasiona, a Covid, deixará de ser considerada unha emerxencia de saúde pública.

Así o destacou o director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, coincidindo terceiro aniversario da declaración da pandemia da Covid-19. Desde 2020 hai case hai case 7 millóns de mortes rexistradas por esta enfermidade no mundo. Só na Galiza, 4.086, segundo os datos actualizados polo Sergas a pasada segunda feira.

Nos primeiros meses da pandemia, entre marzo e decembro de 2020, 94,3% do total das mortes notificadas –509–correspondentes a persoas usuarias de centros da terceira idade na Galiza, vivían en residencias xestionados por empresas ou fundacións privadas, a metade, en centros de só dúas entidades, DomusVi e a Fundación San Rosendo.

Segundo lembra a Nós Diario Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna, "nas residencias só hai prazas para 3% das persoas maiores de 65 anos. Ese 3%  asumiu a metade das mortes por Covid que se produciron, o mesmo que o 97% restante, o que significa que algo moi grave pasou nestes centros".

A estas cifras Bernárdez Solla engade o "maltrato" aos familiares, "enganados e sen información" do que realmente estaba a ocorrer dentro das residencias, en materia de contaxios, coidados e mesmo supervivencia dos seres queridos. 

O "sufrimento" con que viviron os primeiros meses da pandemia non se esvaeceu, afirma. Tampouco o desleixo das residencias privadas, apunta, que levan as de gañar ante a xustiza "con papeis nos que din que fixeron todo ben". O voceiro de Vellez Digna censura que se estean a fechar casos sen unha investigación en profundidade do que aconteceu. "Atopámonos co dereito a ir ao xulgado, pero non con dereito á xustiza, que nos foi arrebatado".

Nada mudou a mellor

Ademais desa privación, nas residencias observan a perda de concesións anteriores á pandemia. "Hai cambios provisionais con motivo da Covid que están a ser utilizados como escusa para empeorar a situación". Bernárdez Solla sinala o protocolo da Xunta que outorga potestade ás residencias para xestionar os horarios ao seu antollo. "Cada unha pode organizar as visitas dos familiares como lle dea a gana. Algunhas permítenas so de media hora, outras non as consenten en fin de semana, e outras, se protestas, axustan os horarios aos teus de traballo para restrinxilas aínda máis. E isto parece que vai quedar así".

A situación de partida das residencias non era boa. Antes da pandemia, advirte, non se comunicaban surtos de sarna nin de virus que se contaxiaban libremente. "Foi o caldo de cultivo perfecto para o que veu".

Antes e aínda agora, permítese a contratación de persoal sen experiencia nin titulación para atender as usuarias. "Non temos persoal nin persoal cualificado", afirma Sonia Jalda, portavoz do colectivo Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega). "Temos residencias sen enfermeiras, auxiliares facendo labores de enfermaría, centros sen persoal médico. Empeoramos moito e peor que nos imos pór xa que ninguén quere traballar en residencias".
En consecuencia, Jalda apunta un empeoramento da calidade do servizo, máis precario,  con carencias alimenticias e de atención directa.

"Pensabamos que a situación ía cambiar algo para mellor, pero non", resolve Xosé Bernárdez Solla. As residencias privadas non deixaron de repercutir subas nas súas tarifas sen cambiar nada que implique un cambio de modelo na súa xestión. 

"Ese cambio do que tanto se falou non sabemos del", asegura o voceiro de Vellez Digna. "Ten que haber máis oferta de prazas públicas, os centros teñen que ser máis pequenos, subir as ratios de persoal, garantir a asistencia sanitaria con presenza nas residencias da sanidade pública e ligar todas estas mudanzas a unhas condicións laborais dignas que na privada non se dan porque priman os beneficios".