Traballadoras do Ensino acusan a Educación de "privatizar" a elaboración dos protocolos de actuación

Escola infantil na Galiza. (Foto: Xunta da Galiza).
O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) acusa a Consellaría de Educación da Xunta da Galiza de "privatizar" a elaboración dos protocolos de actuación e a adaptación de instalacións educativas cara ao inicio do vindeiro curso, así como de deixar "sen información ningunha" aos axentes da comunidade educativa.

STEG informa nun comunicado que a empresa Cualtis estivo a contactar coas direccións de diferentes centros públicos galegos "comunicándolles que foi contratada pola Consellaría de Educación para proceder á elaboración dos protocolos de actuación para o inicio do curso que vén, e preguntando, ademais, sobre se esas direccións tiñan pensado xa algo de cara a setembro, así como que medidas contemplaban, pedindo ao tempo arquivos dos planos dos centros para estabelecer divisións e anunciando a súa visita ás instalacións en días sucesivos".

En declaracións a Nós Diario, STEG indica que eses contactos foron cun "número reducido de centros, o que fai pensar que é unha manobra previa a unha acción de máis calado que acabaría por afectar a moitos máis".

Con respecto á falta de información sobre este movemento da Consellaría de Educación, o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza explica que souberon do tema "por responsábeis da empresa que chamaron para facer preguntas, o que denota que non teñen nin a máis mínima idea de como funciona o sistema educativo".

Para o STEG, "o mínimo é informar aos axentes da comunidade educativa", e consideran esta actuación "especialmente grave e ilustrativa do modo de funcionar desta Consellaría, do Goberno Feixoo e da progresiva privatización de elementos do público dos que aínda poden sacar tallada".