O comité da CRTVG denuncia o tratamento informativo do feminicidio de Valga

Plató dos informativos da TVG

A CRTVG incumpriu os protocolos informativos para o tratamento da violencia machista, segundo denuncia o Comité de empresa.

Algúns dos telexornais da Televisión da Galiza dos pasados días 16, 17 e 18 de setembro trataron o triplo crime de Valga como un suceso convencional, empregando linguaxe que normalizaba a violencia machista e sen contextualizar coas opinión de expertas. Ademais, ofrecíanse detalles morbosos sen interese informativo. Tampouco se incluíu na maioría dos casos a mención ao teléfono de denuncia da violencia machista, e cando se fixo foi sen advertir de que non deixa pegada na factura telefónica. Estas son algunhas das críticas do comité de empresa da CRTVG á cobertura deste feminicidio.

O comité denuncia especialmente a reiterada emisión das declaracións da irmá do asasino confeso no día 18 de setembro. Isto vulnera, afirma, as recomendacións do Colexio de Xornalistas e do propio Consello de Administración da TVG en canto ao uso de testemuñas próximas ao agresor. “Sei que o fixo porque mo dixo e botou ás mans á cabeza” é o titular que abriron varios telexornais, coas declaracións da familiar de costas á cámara, mais identificada con nomes e apelidos, atribuíndo o acontecido a un arrebato de loucura.

Desde o Comité de empresa esixen respecto polo traballo profesional no departamento de Informativos. As representantes das traballadoras reclaman que a dirección non obrigue nin transmita ordes que incumpren quer os códigos deontolóxicos, quer as obrigas legais que teñen como servizo público, xerando ademais situacións de tensión na redacción.