Traballadoras denuncian a “nefasta xestión” da terceira onda por DomusVi coa ‘permisividade’ da Xunta

Imaxe de arquivo: persoas portan un número por cada falecido nas residencias de Domus Vi en Barreiro e Aldán (Foto: Nós Diario)

Falta de persoal, obrigación de facer tarefas para as que non están formadas, sobrecarga de traballo, ausencia de protocolos adecuados... “Somos profesionais, non escravas”, indican desde este colectivo.

Onde meses despois do inicio da pandemia, a situación nas residencias de DomusVi pouco variou. Así o denuncia a CIG nun comunicado no que expón “a situación que estamos a vivir as traballadoras e traballadores das residencias privadas do grupo DomusVi da comarca de Ferrol”.

Lembran que desde os comités de empresa do sindicato nacionalista presentáronse ante Inspección de Traballo denuncias pola “nefasta xestión que se está a facer desta crise sanitaria”. Cualifican de “incomprensíbel” que 11 meses despois da irrupción do coronavirus, nesta terceira onda “atopámonos na mesma situación, sen aprender nada dos erros cometidos ao inicio da pandemia”.

Nese sentido, falan de que “non se reforzan os cadros de persoal. obrígase o persoal a facer tarefas para as que no están formadas, prolongan e modifican xornadas de xeito abusivo, provocando sobrecarga de traballo, falta de protocolos axeitados, e a escasez de EPIS, pola deixadez das direccións dos centros......”.

Isto deriva en situavións, indican, como os focos “aparecidos en centros coma DomusVi Laraxe (que afectan 77 casos activos según os datos do propio centro),e que  non se espallan con esa virulencia por casualidade, nin mala sorte”.

Inspección

Estas traballadoras tamén fan responsábel a Xunta desta situación. Todas estas eivas afectan a calidade da atención que prestamos aos usuarios, por iso, facemos cómplice desta situación a Consellería de Política Social e por ende a Xunta de Galiza que son sabedores desta problemática, pois dende a CIG presentáronse denuncias no tocante aos incumprimentos de ratios que constataron que a cifra real de traballadoras non coinciden có cadro de persoal ofertado para as contratacións.

Unha Xunta, engaden, "que non exerce o seu labor inspectora e permite estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan os coidados dos nosos maiores”.

“Somos profesionais, non escravas e estamos fartas de que se nos trate como traballadoras de terceira, de ter que estar xudicializando os nosos dereitos, do machismo velado que impera no grupo DomusVi, da permisividade da Xunta ao mirar cara a outro lado, tralo escándalo que supuxo a vacinación da Conselleira Delegada de DomusVi, Josefina Fernández e o seu irmá, saltándose todos os protocolos establecidos no calendario de vacinación”.