Traballadoras das residencias denuncian a actitude "servil da Xunta" cara DomusVi

Imaxe de arquivo da conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández. (Foto: Europa Press)
A Asociación de Traballadores de Residencias da Galiza (Trega) amósase indignada polo "trato de favor" cara a conselleira delegada do grupo e o seu irmán, que foron vacinados contra o virus antes da súa quenda.

A Asociación de Traballadores de Residencias da Galiza (Trega) amosou esta sexta feira a súa “indignación e rexeitamento polo trato de favor” recibido pola conselleira delegada do grupo DomusVi, Josefina Fernández Miguélez, e o delegado territorial no país e o seu irmán Pedro Fernández Miguélez, que xa foron vacinados contra a Covid-19 pola Xunta.

Ao igual que o fixeron os grupos da oposición pola inclusión destas dúas persoas na campaña de vacinación da Xunta, agora as e os empregados do sector destacan que “saltaron todos os protocolos, sen figurar nas listaxes elaboradas polo servizo público de saúde” e quedaron por diante de operarias “que si están en primeira liña” na atención das persoas máis afectadas pola pandemia.

Non entenden a “actitude servil amosada polo presidente da Xunta”, Alberto Nuñez Feixoo, pois entenden que defendeu as teses da compañía “amosando un descoñecemento absoluto da realidade”. De feito, denuncian o “trato de favor” da Administración galega a esta directiva.

“Non é certo que a señora Fernández Miguélez teña trato directo nin con usuarios, nin con traballadores, nin con familias de usuarios, ni sequera que acuda ás residencias de maneira regular”, advirten desde Trega.

É máis, sosteñen que a conselleira delegada só visita os centros en ocasións especiais nas que van políticas e políticos, para “a foto”. Tamén aluden ás súas visitas guiadas a outros directivos da empresa.

Neste caso deixan no aire unha denuncia en modo irónico: pensan que sería mellor que houbera estes encontros máis a miúdo para que as e os residentes das infraestruturas de DomusVi reciban “un menú máis nutritivo” e poidan contar con vasos de cristal para beber e panos de tea.

Pola contra, lamentan, Fernández está “practicamente desaparecida” desde que comezou a pandemia malia as ducias e ducias de falecidos que decorreron nos xeriátricos do grupo. Pensan que “soamente importante eles mesmos e amasar diñeiro”.

Argumento feble

En relación ao seu irmán e delegado territorial, cren que tampouco se sostén a escusa de que está en contacto con poboación de risco nin o feito de que teña espazo reservado como despacho nalgunhas instalacións porque, de ser ese un motivo para adiantarse na quenda de vacinas, terían que estar na mesma situación todos os “delegados territoriais” das residencias situadas no Estado español.

Neste contexto, a entidade reclama a “dimisión ou destitución” de ambos responsábeis e solicita á Fiscalía as circunstancias nas que tiveron lugar os tratamentos contra o virus.