Traballadoras da RG denuncian nun documento remitido ao comité como está a ser o “desmantelamento da radio pública”

Traballadoras e traballadores da Radio Galega repasan, departamento a departamento, o que consideran un deterioro da calidade e das condicións de traballo que se levan producindo nestes anos. “A dirección actual da Radio Galega está desmantelando deliberadamente a emisora pública e afundíndoa a uns niveis que non se recordan nos seus trinta e catro anos de historia”, afirman nun documento ao que tivo acceso Sermos Galiza.

“Os traballadores e traballadoras da RG queremos expresar o noso malestar pola deterioración das nosas condicións do traballo e polo demantelamento que vimos sufrindo nos últimos meses nos departamentos de informativos e programas. Unha circunstancia que sitúa a emisora nun dos niveis de esixencia mais baixos da súa historia, afecta a súa credibilidade como servizo publico e supón un preocupante precedente para o futuro”. Así comeza o documento subscrito por máis de setenta profesionais da Radio Galega e que o persoal da radio pública vén de remitir ao comité de empresa.

No documento, de 13 páxinas e ao que tivo acceso Sermos Galiza, faise un percorrido polos diferentes departamentos da radio pública (Programas, Informativos, Deportes, Delegacións, Emisións...) e como nestes, denuncian, houbo una deterioración da calidade e das condición de traballo. Desde a supresión da información local ao abuso de persoas colaboradoras e bolseiras ou a falla de persoal e material, desde padecer unha organización “caótica” até a carencia de asesoramento lingüístico. Tamén denuncian os criterios da dirección para informar: “Non se trata igual a crise interna do PP que á doutras formacións políticas e os sindicatos teñen distinto peso cando os conflitos laborais afectan á Xunta de Galicia ou ao Goberno Central”.

Unhas da principais denuncias é que no deseño da programación estival van emitir 210 horas pregravadas e enlatadas, o que confirmaría, para estes traballadores e traballadoras, “o desmantelamento do departamento de programas”. Así, afirman que a grella prevista desde o 24 de xuño até o 1 de setembro contempla a emisión dun total de 210 horas de contidos “enlatados e xa emitidos con anterioridade”. 30 destas horas substituirán o magacín matinal de fin de semana e as outras 180 incorporaranse ao programa matinal da mañá “suprimindo as referencias temporais. Decisión coma esta contribúen a unha merma absoluta na calidade dos contidos e á perda da esencia radiofónica do directo. Será a primeira vez que se emita un magacín de tres horas gravado na Radio Galega”.

Entre as denuncias, tamén se refiren ao sistema “obrigatorio” de rotación trimestral en Informativos, que sosteñen que fomenta a desigualdade de trato entre os traballadores e traballadoras dunha mesma categoría, imposibilita a conciliación persoal e laboral independentemente da situación de cada quen e impide a conformación estábel de equipos de traballo. 

Estes traballadores e traballadoras pídenlle ao comité de empresa que traslade “o noso malestar e preocupación” á Dirección Xeral da CRTVG para alén de demandarlles que estean “vixiantes” a respecto da programación de verán e da nova tempada da radio pública.