Cren que Política Social oculta a realidade das instalacións públicas

Traballadoras dos centros de día da Xunta denuncian a falta de medios contra a Covid-19

A conselleira de Política Social visita un centro de día (Foto: Nós Diario)
O cadro de persoal critica que se vaia a "abrir" con substitutos que non están formados axeitadamente, obras de reparación e mellora pendentes e sen equipos de desinfección e protección individual. 

Non queren dar nomes por non personalizar a loita xa que, aseguran, todos os centros de día da rede pública galega pertencente á Xunta están igual de mao. Tamén hai medo a represalias. Malia que nun principio estaba previsto que estes equipamentos reabriran as súas portas no mes de setembro, a decisión do Goberno de Feixoo de acelerar a recepción dos usuarios o día 15 deste mes ten en alerta aos cadros de persoal. As traballadoras das instalacións denuncian que se atopan “nunha situación que non permitirá abrir cun mínimo de garantías básicas” contra os contaxios da Covid-19.

O sentir das operarias e operarios pódese notar ao falar con elas, pois a preocupación é unha característica presente nas súas voces. Mentres preparan a contrarreloxo aquilo que si son quen de controlar e o que lles obrigaron a asumir hai só uns días, propoñen unha realidade ben distinta á que quixo transmitir á Xunta hai uns días nunha visita a un centro de día xestionado por un grupo privado.

“O 29 de xuño, sen que a Xunta o dotase sequera de máscaras, o pouco persoal a disposición nese momento reincorporouse aos seus centros cun plan de traballo enviado ese mesmo día para os dous meses previos á apertura en setembro”, da que se falaba.

Nun escrito din que se lles pediu “formación para o persoal, familias e usuarios ante a Covid-19; adaptación do plan de acción de cada un dos centros; recepción e organización de subministracións; acondicionamento dos centros ante as normativas de distanciamento e desinfección; e un longo etcétera de tarefas a desenrolar neses dous meses”.  

Ao primeiro tiñan unha marxe pequena, de dous meses, pero o día 2 deste mes souberon de xeito indirecto que os centros abrirían ao público o 15 de xullo. O Executivo galego exixiulles un día despois apuro porque tiñan que preparar todo o plan de acción en só sete días. Por iso, denuncian que non contan con material de desinfección e limpeza nin equipos de protección individual que garantan tanto o seu benestar como o das usuarias e usuarios.

Falla de persoal

As empregadas e empregados públicos que atenden estas instalacións tamén din que non hai suficiente persoal co que contar. En xuño -afirman- mandáronlles coller vacacións para xullo e agosto porque serían tempos sen “actividade con persoas maiores”.

Porén, acusan a Consellería de Política Social de Fabiola García de cambiar de parecer e querer “abrir con persoal substituto, que non conta coa formación en protocolos de prevención contra coronavirus”.

Este último é un punto que o mesmo departamento considera necesario “no persoal para a reactivación dos centros de maiores”. Tamén hai traballadoras de risco apartadas do servizo, xente de baixa y persoas que non puideron gozar antes dos seus días libres porque durante os momentos máis duros da pandemia foron recolocados en distintos servizos de todo o país aludindo á emerxencia sanitaria.

"Os centros de día públicos pero de xestión privada, están noutra situación moito máis favorable que nós para a reapertura", remarcan, pois a conselleira Fabiola García estivo nun hai escasos días.

Pero nos espazos que dependen directamente do Consorcio Galego de Servicios de Igualdade e Benestar nin tan sequera "hai indicacións claras cara os provedores de servizos de como ou cando comezar". Falan de cousas tan sinxelas como precisas: o reparto de menús, mantementos caducos, servizos de desinfección, desinsectación e desratización, entre outros.

Reparacións sen facer

Están convencidas e convencidos de que todo indica que “a estas alturas non se pode garantir a reapertura en condición óptimas e de seguridade para as  persoas usuarias”.

Tamén lle recordan ao equipo de Feixoo que tamén hai distintas obras a medio facer ou pendentes nestes equipamentos básicos para Galiza

Recalcan que algúns centros están en situacións deficitarias, malia non aclarar cales en concreto. As trabas son máis polo que pensan que non se debería abrir ao público “agás que desde a Consellería estean dispostos a comprometer a saúde e integridade das persoas maiores, as súas familias e as traballadoras e traballadores”.