Unha traballadora da CRTVG foi obrigada a omitir en directo unha noticia negativa para o PP

O Comité de empresa avala a denuncia de manipulación informativa apresentada por unha redactora en contrato de prácticas da Radio Galega. A xornalista foi cominada a omitir en directo a locución dun parágrafo no que informaba da afiliación ao Partido Popular de Melilla do presunto líder dunha célula xihadista.

O Comité de empresa da CRTVG vén de amparar unha redactora con contrato en prácticas da Radio Galega que denunciou unha grave inxerencia no seu exercicio profesional.

 

Segundo informa o Comité, a xornalista Ana Belén C.V. elaborou o pasado 6 de setembro unha nova para o informativo vespertino “A Crónica” sobre a desarticulación dunha célula terrorista en Marrocos e Sevilla. “Cando a traballadora locutaba a noticia en directo no estudio, xusto antes da lectura dun parágrafo no que informaba da que o presunto líder da célula xihadista “fora afiliado do PP de Melilla”, unha responsábel do programa ordeoulle non ler esa referencia, orde que a xornalista, que viu interrompido o seu traballo de xeito brusco e sorpresivo, acatou”.

 

Consultada polo propio Comité, a coordinadora do informativo aludido alegou “que o criterio de non informar sobre a afiliación política neste caso partiu do redactor xefe da tarde. Á redactora en prácticas retiróuselle ademais posteriormente a encomenda habitual de reelaborar esa mesma peza para o informativo matinal do día seguinte, que lle adxudicaron a outra persoa”.

           

Cando a traballadora locutaba a noticia en directo no estudio, xusto antes da lectura dun parágrafo no que informaba da que o presunto líder da célula xihadista “fora afiliado do PP de Melilla”, unha responsábel do programa  ordeoulle non ler esa referencia

 

 

O Comité de empresa, seguindo o ‘Protocolo de actuación ante as denuncias de manipulación informativa’ que activou en marzo, ampara “sen fisuras” a profesional afectada e enmarca esta “grave inxerencia sobre a liberdade e independencia do exercicio profesional” no que cualifica de  “sistemática manipulación” que se practica na televisión e na radio públicas.

 

Lembra o órgano representativo dos traballadores que a práctica totalidade dos meios de comunicación no Estado que deron esa noticia, fixérono informando da pertenza ao Partido Popular do presunto xihadista.

 

O Comité volta a exixir a criación do Consello de Informativos e a posta en andamento do Estatuto Profesional, “ferramentas contra a manipulación informativa que obriga a crear desde o ano 2011 a lei que regula os medios públicos e que, de momento, o goberno galego e a dirección da CRTVG semellan non ter interese algún por habilitar”.