SERVIZOS SOCIAIS

Traballador@s dos centros de Benestar acusan a Xunta de ''querer destruír'' máis de 200 empregos

Encérranse en once puntos da provincia da Coruña en contra da tesourada practicada no Convenio laboral ''de maneira unilateral e ditatorial'', recortando nos tempos de descanso e penalizando economicamente a enfermidade. Preparan unha andaina do Gaiás a San Caetano e unha caravana reivindicativa que manterán até as vindeiras autonómicas

Ao redor de 200 traballadoras e traballadores dos centros de Benestar na provincia da Coruña emprenderon nesta segunda feira un feche en forma de asemblea que se manterá até a primeira hora da terza e en que tomarán medidas perante a idea da Consellería de Traballo de "destruír" 266 postos de emprego, segundo a última relación publicada, aos que hai que sumar outros 80 de anteriores medidas postas en práctica na Coruña. "En todos os encerros temos un cartaz que pide a dimisión de Beatriz Mato", informa José Manuel López Viqueira, voceiro da CIG e presidente do Comité de Empresa --onde contan con representación CIG, CC.OO., UGT e CSI-CSIC--.

Atendendo as palabras do sindicalista, a tesourada avalada pola Xunta eliminou artigos do Convenio "de maneira unilateral e ditatorial", polos que se recortan os tempos do descanso, penalízase economicamente a enfermidade, desapareceron as compensacións por domingos e feriados e obrígase ás persoas empregadas a se substituíren unhas ás outras durante as vacacións. Alertan, así mesmo, da privatización dalgúns servizos e da eliminación doutros, como fisioterapeutas ou a atención psicolóxica.

Os recortes "repercuten na calidade de vida das e dos residentes", denuncia López Viqueira, resaltando que o persoal contratado non pode empregar o comedor dos centros xa que Sanidade impide que consuman os seus propios alimentos no interior das instalacións. Do mesmo xeito, restáronse tres días de asuntos propios ou beneficios sociais como as axudas por estudos, vivenda, maiores ao cargo ou visitas ao dentista.

"Tomárona con Asuntos Sociais", quéixase o presidente do Comité. Explica que non piden recortes en Educación ou Sanidade, senón "que se deixen de mercar cadeiras de 300 euros para a Cidade da Cultura ou de traer empresas privadas de fóra para facer exposicións aquí". Os recortes que denuncian son a consecuencia da lei de contención do gasto en persoal da Xunta, aprobada no Parlamento galego en xaneiro.

Os feches, que se convocaron en case todos os centros da provincia da Coruña --CAPD A Coruña, Residencias de Maiores Torrente Ballester en Oleiros da comarca de A Coruña; nas Residencias Volta do Castro e Porta do Camiño de Santiago; na Residencia de Maiores de Caranza, no Centro de Menores de Ferrol, e durante a mañá na Residencia de Maiores da Póboa do Caramiñal-- contaron cunha participación do 70% do cadro de persoal, cunha media de 20 profesionais encerrad@s en cada un deles.

Unha andaina e unha caravana reivindicativa
As traballadoras e traballadores do centros de Benestar teñen previstas xa outras accións. A primeira delas será unha andaina desde o Monte Gaiás até San Caetano que se celebrará na sexta feira, día 11, e en que participarán "de 600 persoas para riba, xa que hai autobuses contratados e da zona de Vigo xa non cabe a xente", sinala López Viqueira.

A segunda das accións será unha caravana reivincicativa en que participarán os Comités de todas as provincias e "que manteremos até as vindeiras autonómicas de maneira rotatoria" entre o Monte Gaiás, Monte Pío e San Caetano.