Traballador@s do CHOP denuncian o ex-conselleiro de Sanidade, González Álvarez por incompatibilidades como alto cargo

A denuncia presentada asegura que o popular combina o seu traballo como xerente co de apoderado dunha empresa de investimento desde hai un ano. De ser así Gónzález incorrería nunha infracción lexislativa que prohibe a compatibilidade entre a xerencia con calquera outra actividade pública ou privada.

 

Nun escrito enviado á Fiscalía provincial de Pontevedra --ao que tivo acceso Sermos Galiza-- traballadoras e traballadores do Complexo hospitalario de Pontevedra (CHOP) veñen de presentar o pasado día 20 unha denuncia contra o actual xerente do hospital e ex-conselleiro de Sanidade (2004-2005), José Manuel González Álvarez.

Segundo figura na denuncia presentada, González incorrería desde hai un ano nunha infracción de incompatibilidade ao combinar o seu cargo como xerente do complexo pontevedrés co de apoderado mancomunado da empresa de investimento financeiro Plan B S.L, dedicada a fornecer "actividades de intermediación en operacións con valores e outros activos". Neste senso a Lei 9/1996 sobre incompatibilidades de altos cargos así como o Lei de saúde de Galiza fixan a xerencia do hospital "en réxime de dedicación absoluta" e consideran "incompatíbel" o seu exercicio co de "calquera outra actividade pública ou privada".

Para apoiaren a súa denuncia @s traballadoras e traballadores axuntan á denuncia un estracto cos datos identificativos da empresa en que aparece reflectivo o nome do ex-conselleiro como apoderado mancomunado sendo administrador único o seu fillo, Manuel González Sanchildrián. Segundo @s empregad@s do CHOP a súa vontade é "pór en coñecemento da sociedade todos os 'feitos' irregulares" que son cometidos en aras de "rematar con esta corrupción tan próxima á nosa contorna". No entanto, aseguran que froito do "medo ás represalias" prefiren manterse no anonimato.

A denuncia vense sumar á publicación dun escrito asinado por 75 facultativos do CHOP en que denunciaban o pasado mes de outubro unha situación laboral "agresiva e irrespetuosa" da que acusaban naquela altura á "equipa xestora" ecabezada polo popular González Álvarez. Días após a súa denuncia pública medic@ do complexo hospitalario aseguraron recibir ameazas e mesmo térense aberto tres expedientes disciplinarios "como medida persecutoria" contra parte das persoas que se amosaran críticas coa xestión do ex-conselleiro do Partido Popular.