Traballador@s contra incendios manifestaranse contra a privatización do sector

María Rodiño (Seaga), Iago Arjones (CNT), Manuel García (Aprafoga), Carlos Rocha (UGT) e Roberto Jorge (Apropiga) na presentación da Plataforma.
A acabada de crear Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais convocou unha protesta para o día 29 de setembro en Compostela.

Organizacións sindicais e profesionais do sector da prevención e extinción de incendios veñen de crear unha Plataforma para denunciar a situación de “desmantelamento” que o goberno de Feijóo está a realizar co servizo. Critican que a administración galega teña cinco instrumentos diferentes no operativo de extinción: persoal da Xunta, a empresa pública Seaga, Tragsa, Natutecnia e os Grumir dos concellos. “Agora dependemos do que queiran as empresas pois temos que agardar a saber cal che toca”, asegura María Rodiño de Seaga, “logo cada unha ten un material de traballo diferente e tampouco son iguais as condicións de traballo”. Nunha profesión tan difícil e perigosa desde a Plataforma aseguran que non axuda a “descoordinación” entre todas. “É unha polítca irresponsábel”, afirman, “que renuncia a realizar unha auténtica política preventiva no monte”.

A Plataforma exixe unha “inmediata apertura dunha mesa de negociación onde buscar as solucións ao conflito e a contratación de todo o persoal a través dunhas únicas listas

Defender o Servizo Público
A Plataforma presentou perante os medios de comunicación as súa reivindicacións que tamén se escoitarán na manifestación convocada para o 29 de setembro ás 11:30 horas en Compostela. Exixen unha “inmediata apertura dunha Mesa de Negociación onde buscar as solucións ao conflito e a contratación de todo o persoal a través dunhas únicas listas, profesionalizadas e a través da función pública. “A Xunta ten que reaccionar diante desta situación”, afirma María Rodiño.

As reivindicacións desta Plataforma chegarán aos partidos políticos, aseguran , máis alá destas vindeiras eleccións. “Seguiremos mentres non haxa unha solución”, din, “queremos implicar a todos eles, é un debate de estado”.

Incendios da fin de semana
“Houbo un claro acrecentamento dos incendios forestais en Ourense e preocúpanos”, aseguran na Plataforma, “a intencionalidade está latente”. Esta fin de semana varios incendios queimaron masas forestais dos concellos de Riós, Sabiñao e Manzaneda. Este último foi moi criticado polo alcalde da localidade pola “falta de medios” empregados polo goberno galego. O lume comezou o sábado e controlouse o domingo pola mañá, segundo fontes da propia Xunta. “Se a climatoloxía axuda, como foi neste caso, aínda ben mais non podemos contar co tempo e estar a desmantelar estes días os reforzos”.