REAPERTURA DA MINA

Touro: desta vez non

[Imaxe: Erik Dobaño] Planta de tratamento de plásticos nos terreos da antiga mina.

Desta volta as veciñas e veciños da antiga mina de Touro están avisados e fóronse organizando para resistiren. Saben que o que queda despois da mina é terra perdida e máis lixo. Nos anos oitenta, cando fechara a vella explotación, empezaron en mirar para o campo. E queren seguir vivindo del nunha paisaxe que ameazan os intereses dunha gran compañía e certa conivencia das autoridades.

Se os plans de Cobre San Rafael, empresa participada pola multinacional Atalaya Mining, para reabrir a mina de Touro van adiante, as veciñas e veciños de Arinteiro, na parroquia de Loxo, vivirían entre as detonacións, o tráfico de camións e o lixo dunha explotación situada a menos de medio quilómetro ao leste e a ameaza dunha xigantesca balsa de lodos fechada cun muro duns 80 metros de altura a case a mesma distancia no norte. Arinteiro é unha aldea de 12 casas habitadas e 44 veciñas e veciños que non queren máis minaría porque xa saben en que remata todo. A mina de Touro fora explotada desde principios dos setenta a mediados dos oitenta e dera traballo á xente da contorna desde finais dos sesenta cando aquí nin había vacas nin prados. A xente emigraba até que apareceu a mina e trouxo cartos pero tamén ruído, molestias e danos que se fixeron pronto evidentes. “A nosa casa inda ten fendas nas paredes e no chan polas vibracións. E as pedras case chegaban aquí abaixo”, conta Mari Carme, de 53 anos, que era unha nena cando o pai foi traballar na mina. Manuel, mecánico xubilado de 71 anos, non quere nin escoitar falar dunha nova mina. “Tería que marchar de aquí”, di a carón da súa casa ao acubillo dunha marquesiña da parada do autobús e sinala unha plantación de eucaliptos por riba da aldea. “O muro sería catro veces a altura dos eucaliptos, din que oitenta metros. Cres que podería durmir pola noite con iso detrás?”. “A balsa”, explica Eduardo, de 36 anos, que leva a explotación gandeira que empezara o pai despois do feche da mina, “vai no sitio onde collemos auga para as casas, e lévana de aquí para outras poboacións, pero o peor é que tería uns tres quilómetros de longo e, co que chove, se rebenta iso… adeus Arinteiro, os dous Torreis, e Loxo e todo”.

 

A mina de Touro fechou no 86. Deixou lagoas de augas sucias, terreos arrasados e escombreiras sobre Os Torreis de Arriba. Alí, conta Eduardo, a un veciño que empezou a traballar na mina, a empresa que a explotaba daquela, Riotinto, comproulle a casa por se a papaba a ribada. Parou a mina, o veciño recomprou a casa pero naqueles montes seguen vertendo residuos. É a nova vida da mina.

 

[A reportaxe íntegra -unha dupla páxina- pódela atopar no número 274 de Sermos Galiza, xa á venda na nosa loxa e nos quiosques habituais]