Activistas organízanse en Sarria contra ''a barbaridade'' das touradas, pagadas polo Concello

Protesto contra as touradas [SG]

Foi o Goberno municipal o encargado de organizar a viaxe que desprazou 110 veciñ@s até Salamanca para escolleren as reses que se van tourear en xuño, cadrando cos festexos do San Xoán


O Concello de Sarria volverá destinar diñeiro público a un espectáculo taurino neste concello cadrando cos festexos do San Xoán. Os touros deste ano virán de Salamanca, segundo unha viaxe realizada o 7 de abril e programada polo Concello, que fletou dous autocarros para levar 110 veciñ@s á localidade española, onde 'escolleron' os animais que se torturarán en xuño. Cada persoa pagou 10€ para contribuír cos gastos do desprazamento.

Perante estas informacións, colectivos como a plataforma abolicionista Galiza mellor sen touradas, a organización xuvenil Galiza Nova ou o centro social Mádia Leva, que levan anos rexeitando as corridas de touros ao as considerar "un dos costumes máis bárbaros que existen" dediciron organizarse colectivamente e crear a Plataforma Sarria Libre de Touradas. 

O obxectivo é claro: exixir ao goberno municipal que retire "calquera tipo de axuda, subvención ou patrocinio a esta actividade". A través dun manifesto que procura sinaturas, a recentemente creada Plataforma rexeita as touradas amparándose en que non fan parte "nin da nosa cultura nin da nosa idea de respecto aos animais". 

Acrecentan que, nun contexto en que os recortes aos dereitos laborais e sociais da poboación están á orde do día, finanzar as touradas "é un insulto á cidadanía". Por derradeiro, os colectivos que fan parte desta iniciativa reclaman para Sarria unha oferta de lecer "que aposte pola educación en valores" e amose, por parte do Concello, "unha clara defensa" da cultura do País. 

Liberdade de voto no PP

Ao fío, Galiza mellor sen touradas reclamou ao PPdG que permita a liberdade de voto d@s deputad@s conservador@s no Parlamento galego, ao igual que fixo o PSdG, "un exercicio de hixiene democrática" que lles permita posicionarse a respeito da iniciativa abolicionista presentada polo Bloque e contará co apoio de AGE.

Apelando ás "diferentes sensibilidades" que exiten neste partido, o colectivo abolicionista ofrécese a lle mostrar a cada parlamentar os gastos que as corridas de touros supoñen ás arcas públicas en municipios como Padrón, Sarria ou A Coruña e enfatizan que, "de lle facermos caso aos estudos sociolóxicos", na Cámara galega "non debera haber ningún deputado taurino".

Así as cousas, a proposición de lei que defenderá en pleno a formación frontista vai destinada a modificar a Lei 1/1993, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, coa finalidade de “prohibir as corridas de touros e os espectáculos taurinos que inclúan a morte do animal e a aplicación de pica, banderillas ou estoque”.

En definitiva, erradicar as touradas do territorio galego, como ten acontecido en Catalunya ou Franza, pois tampouco na Galiza existe "tradición taurina" e a realización desta actividade corresponde a unha tentativa de "homologación e asimilación cultural".