Emigración: durante 2015 tiveron que abandonar Galiza 24.935 persoas, unha media de 68 cada día

Emigración

A Estatística de migracións que vén de publicar o INE indica que o ano pasado marcharon de Galiza perto de 25.000 persoas, 10.000 ao estranxeiro e case 15.000 a outros territorios do Estado. Desde 2009, un total de 202.052 galegos tiveron que coller as maletas.

Apenas 24 horas despois de que o presidente da Xunta afirmara esta cuarta feira en sede parlamentar que Galiza foi un dos territorios do Estado onde menos emigrou a mocidade, o Instituto nacional de estatística publicaba o Saldo de Migracións 2015, un documento que recolle as emigracións e inmigracións dos diferentes territorios do Estado. Os datos non deixan en moi bo lugar as declaracións de Núñez Feijóo no parlamento: o ano pasado marcharon do noso país un total de 24.935 persoas, das cales 9.989 foron para o estranxeiro e 14.946 a outros territorios do Estado. Unha media de 68 persoas por día, tres por cada hora.

Madrid e Catalunya mantéñense como os principais destinos dentro do Estado

De entre as case 10.000 que tiveron que coller a maleta rumo a outros estados, perto de 7.000 eran de nacionalidade española mentres o resto eran nacionais doutros estados. Un total de 3.360 das que emigraron ao estranxeiro en 2015 tiñan menos de 30 anos.

E cales son os principais destinos das persoas que marcharon de Galiza cara ao estranxeiro? Os da Unión Europea, nomeadamente. No ámbito comunitario foron dar 4.222 dos emigrantes mentres que 1.222 foron a estados europeos que non fan parte da UE e máis de mil a América do Norte. Sudamérica foi o destino de 2.490.

Dos perto de 10.000 persoas que abandonaron Galiza destino ao estranxeiro, 3.360 tiñan menos de 30 anos de idade

No que atinxe á emigración a outros territorios do Estado, Madrid mantense como o destino principal, pois recibiu 3.812 dos 14.946 galegos que en 2015 tiveron que deixar o país e foron a outras autonomías. A seguir, Catalunya, que recibiu 1.968 galegos e Canarias, con 1.721. A Andalucía foron perto de 1.400 galegos.

Máis de 200.000 persoas marcharon de Galiza desde 2009

Segundo os datos do IGE, desde 2009 a 2015 tiveron que abandonar Galiza un total de 202.025 persoas. Delas, 132.280 foron rumbo outros territorios do Estado e 69.772 ao estranxeiro.