O toque de recoller adíase ás 23 horas

Unha persoa practicando deporte na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Na súa comparecencia desta cuarta feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, confirmou as sospeitas dos últimos días arredor da ampliación do toque de recoller nunha hora. Unha medida que alén de darlle máis liberdade de movementos á cidadanía permite aos negocios de restauración comezar a ofertar ceas, asumindo unha serie de condicionantes. Porén, a ampliación horaria non afecta a outros locais hostaleiros. 

Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza en materia de Covid-19 reuniuse na terza feira para abordar a situación do país após as vacacións da Semana Santa. Unha xuntanza que tivo continuidade na mañá da cuarta feira, 14 de abril, e sobre a que deu conta en rolda de prensa Alberto Núñez Feixoo, quen se encargou de comunicar unhas medidas de apertura que afectan, sobre todo, a algúns servizos da hostalaría e ás residencias de maiores, e que entran en vigor na medianoite da próxima sexta feira, 16 de abril.

Feixoo debullou tamén os datos de incidencia da Covid-19 desde o 23 de marzo e  fixo un repaso pola situación actual da Galiza en canto a contaxios, persoas hospitalizadas e vacinas, incidindo no lixeiro aumento de casos, que rexistran sobre todo as áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés, e que sitúa a cifra de activos en 2.400, e súmase un falecido máis nas últimas 24 horas. 

O fechamento dos restaurantes amplíase até as 23 horas

A pesar do temor a unha cuarta vaga, que “xa se está a sentir noutras áreas do Estado español”, afirmou o presidente da Xunta, os datos revelan que a evolución da Galiza é marcadamente máis positiva que a media española “cunha incidencia acumulada a 14 días case tres veces por debaixo”. Do mesmo modo, o presidente lembrou que Galiza é unha das comunidades con menos camas UCI (Unidade Coidados Intensivos) ocupadas e cunha hospitalización de 2,2% fronte a 7,96% do Estado español.

Así e todo, Feixoo tivo que lembrar que Galiza tamén ten unha menor taxa de positividade, o que indica, “por tanto, que ten unha poboación máis vulnerábel”. Por iso, en relación ás campañas de vacinación, o presidente da Xunta agarda que 29% da poboación diana “estea vacinada a finais desta semana”, e pon no mes de xuño o horizonte para que as persoas maiores de 60 anos estean inmunizadas “cunha ou coas dúas doses da vacina”.

Flexibilizar as medidas 

“Van ser pequenos pasos” dixo o presidente da Xunta en referencia ás novas medidas a adoptar desde o 16 de abril, mais teremos “maiores horarios e maiores servizos”. Así, Feixoo explicou que se mantén o fechamento perimetral á vista “do incremento da incidencia a 7 e a 14 días no resto de España” pero amplíase a hora de recoller até as 23 horas coa incorporación da oferta de ceas nos servizos de restauración. 

A baixa taxa de positividade fai a poboación "máis vulnerábel"

 Os locais hostaleiros que poderán fechar ás 23 horas son aqueles que posúen licenza de restaurante, que atendan con cita previa e leven rexistro de clientes e que garantan a calidade do aire mediante controis de CO2 no estabelecemento. 

Cafetarías e bares continuarán a ter a súa hora de fechamento ás 21 a pesar de que nas súas valoracións da situación actual, o presidente da Xunta, afirmou que "as galegas actuaron con sentidiño e cada vez maior compromiso no uso da hostalaría".

Residencias con máis visitas e máis saídas para as usuarias

Para o presidente da Xunta a hostalaría é un "sector clave para Galiza e aos galegos gústanos acudir aos bares, son unha ampliación do noso propio fogar" por iso lembrou que no prazo de 10 ou 12 días "o Comité Clínico avaliará de novo" a situación para ver "se pode abrir máis a hostalaría".

O presidente recalcou que a situación dos que soben e baixan de nivel se actualiza "automaticamente" cada terza e sexta feiras.

Máis visitas nas residencias 

As residencias de maiores tamén se ven favorecidas pola flexibilización das medidas porque "Galiza leva 25 días sen un só positivo nas residencias", sentenciou Feixoo. Así, desde agora calquera persoa con cita previa pode acudir a visitar un residente, sempre que as visitas acudan de unha e unha. Até o de agora, cada maior só podía recibir un máximo de dúas visitas.

En canto as posibilidades de saída dos residentes nos centros de maiores, a partir da sexta feira poderanse realizar saídas tres veces por semana, cunha duración máxima de catro horas cada saída, o dobre do que se permitía até o de agora.

Pontevedra e vigo, as áreas con máis novos casos de covid

“Os maiores están todos vacinados", sentenciou Núñez Feixoo ao explicar esta nova medida restritiva, para engadir que "iso non significa que non poidan ser portadores, do virus, aínda que a carga viral é menor”.

Precisamente en relación coa campaña de vacinación, o presidente da Xunta adiantou en roda de prensa que a Consellaría de Sanidade volverá a citar as persoas maiores de 80 anos que non acudiran na primeira chamada, tanto se a ausencia foi debida a un problema coa citación como se se tratou dunha das 6.000 persoas que rexeitaron activamente a súa dose. "Temos que convencelos de que se vacinen", dixo Feixoo.

Rexistro dos peores datos

Na tarde deste 14 de abril, o servizo vigués se Saúde comunicaba a detección de seis positivos relacionados con dous gromos, catro deles da variante brasileira, mentres outros 10  casos se manteñen en estudo.

En canto aos concellos en peor situación, son tres os que conservan o fechamento perimetral e da hostalaría: A Pobra do Caramiñal, Carballeda de Valdeorras e O Grove. No seguinte nivel, con servizo hostaleiro só de terraza están: Monterrei, Cortegada, Padrenda, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Barreiros, Carral, Boimorto, Boiro e A Illa de Arousa. No nivel medio sitúanse O Irixo, Trabada, Meira, A Pobra do Brollón, Muxía, Cambre, Ortigueira, Ribeira, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilanova de Arousa, As Neves, Gondomar, Vilaboa, Marín e Meaño.

Lixeira suba de casos activos até 2.400

Por sexta xornada consecutiva os datos da Covid-19 manteñen a súa tendencia ascendente na Galiza. Así, logo dunha decena de días transcorridos desde a Semana Santa, os casos activos soben lixeiramente até os 2.400, mentres a cifra de pacientes ingresados nos hospitais descende a 184, un menos que na véspera. Os novos contaxios tamén baixan e sitúanse deste modo en 158.

Segundo os datos actualizados na cuarta feira pola Consellería de Sanidade, descenden a 26 os pacientes Covid en UCI, o que supón tres menos, mentres soben a 158 os que se atopan noutras unidades, dous máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas da Coruña-Cee, Ourense e Compostela e Barbanza; mantense na de Vigo; e aumenta lixeiramente nas de Ferrol, Pontevedra-O Salnés e Lugo. Os casos activos descenden nas áreas da Coruña e Cee, con 16 menos; mantéñense igual nas de Lugo e Compostela-Barbanza; mentres que aumentan nas de Ourense, en sete; Ferrol, tamén con sete máis; Pontevedra-O Salnés, medra en nove novos casos; e Vigo faino en 11.

Dos 158 novos contaxios, 133 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, dos cales 44 corresponden á área de Vigo; 28, á da Coruña e Cee; 19, á de Ourense; 13, á de Santiago-Barbanza; 12, á de Lugo; nove, á de Pontevedra-O Salnés; e oito, á de Ferrol.

No que respecta á taxa de positividade, mantense nun 2%, polo que continúa por baixo do 5% que a OMS fixa para dar por controlada a pandemia.

Situación das escolas

Nos centros educativos non universitarios da Galiza mantense a tendencia ascendente no rexistro de novos casos de Covid-19. Así, na cuarta feira situábanse en 425 casos, 18 máis que na véspera. Logo de arrancaren as clases tras as vacacións de Semana Santa sen aulas nin centros fechados, agora hai 12 aulas non operativas, o que eleva a cifra en tres desde a terza feira. 

Residencias e falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron na Galiza 2.370 persoas por Covid-19, unha máis nas últimas 24 horas. 

As residencias de maiores e grandes dependentes, que sufriron o maior número de pasamentos neste ano de Covid- mantéñense sen novos positivos desde o comezo deste mes de abril.