De Tomiño a Cáceres: 'Palabras libres para mulleres presas' nunha carta manuscrita

Persoal da OMIX de Tomiño prepara o inicio da actividade de comunicación e reinserción social. (Foto: Cedida)
A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias vén de darlle o visto bo a un proxecto da Oficina Municipal de Información Xuvenil de Tomiño que quere impulsar un intercambio epistolar entre mulleres do Baixo Miño e reclusas dun cárcere de Cáceres. Cartas manuscritas para mudar a mirada sobre a catividade.

A pandemia da Covid-19 mostrounos de perto os rigores do confinamento, un termo que en Dereito se refire á "pena consistente en relegar a persoa condenada a un lugar determinado, para que viva en relativa liberdade, baixo a vixilancia da autoridade", di o dicionario da Real Academia da Lingua. Unha experiencia de privación ou limitación de dereitos fundamentais recoñecidos no marco legal internacional que serviu de inspiración ás creadoras de 'Palabras libres para mulleres reclusas' unha iniciativa da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño que está a piques de ver a luz.

Máis empatía

A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias acaba de autorizar a sinatura dun convenio co Concello de Tomiño para a posta en marcha dun proxecto piloto de comunicación e reinserción social que pretende promover "un exercicio de resiliencia para reducir os efectos negativos da privación de liberdade", destacan desde a Administración local.

 "A idea xorde a raíz dun proxecto de intercambio de cartas manuscritas coa mocidade de México que vimos desenvolvendo desde a primavera", rememora Eli Pérez de Santiago, técnica da OMIX. "Pensando na forma de darlle continuidade a ese troco, pareceume interesante explorar a posibilidade dun encontro epistolar con mulleres reclusas, tendo en conta, ademais, que viñamos do confinamento".

Durante os meses nos que o coronavirus mudou a nosa relación co exterior, a experiencia propia tamén cambou, asegura  a técnica de xuventude. "Dalgunha maneira, nós mesmas estivemos privadas de liberdade. A comunicación tornouse fundamental". Como vía de escape, de conexión e de empatía cara as demais, un territorio que agora buscan explorar coa complicidade de Institucións Penitenciarias.

"Como institucións públicas temos que traballar para tentar mellorar a vida privada das persoas", recoñece Fátima Rodríguez, concelleira de Mocidade de Tomiño. Con esa motivación nace 'Palabras libres para mulleres presas', di, "un proxecto co que queremos promover o intercambio de cartas manuscritas entre mulleres presas e o mundo exterior", co obxectivo de que se poidan comunicar, expresarse, debater, coñecer e nese percorrido, acabar con moitos dos estigmas que pesan sobre a poboación reclusa.

Habilidades lectoescritoras

Ademais, o proxecto tamén busca estimular as habilidades lectoescritoras tanto das mulleres presas como das veciñas de Tomiño que se anoten para participar deste intercambio epistolar. A experiencia vai dirixida a maiores de 18 anos, sen límite de idade polo alto. "Tan pronto demos a coñecer a iniciativa xa recibimos a chamada de varias persoas interesadas, mais até non confirmar o número de reclusas que vai participar deste cruce de correspondencia non abriremos o formulario de inscrición que dará acceso ao programa", aclara Eli Pérez de Santiago.

A súa busca dunha prisión disposta a recibir as 'palabras libres' das mulleres do Baixo Miño comezou na Galiza mais acabou callando en Cáceres, grazas ao interese da directora do Centro de Inserción Social Dulce Chacón.

"Queremos que o proxecto teña continuidade e que ademais de reforzar a alfabetización de mulleres que igual no seu día non tiveron a oportunidade de perfeccionar, lles abra as portas a compartir sentimentos, resentimentos, amizades epistolares e mesmo gustos ou afeccións: fotografías, pinturas, libros". Para a técnica da OMIX de Tomiño, 'Palabras libres para mulleres presas' é un proxecto transversal que non só pretende implicar a xente moza, tamén os departamentos de educación e cultura, nun intento por erradicar "criminalización e os prexuízos que condenan por partida dobre a poboación reclusa, sen consideración das súas propias condicións de vida", advirte Pérez de Santiago. "Queremos que coñezan historias alleas e que se sintan identificadas unhas con outras".

Se nada cambia, serán 10 as reclusas que inauguren este encontro epistolar tras recibir a primeira misiva doutras tantas mulleres de Tomiño. Farano cun sentido crítico, creativo e favorábel a unha mellor reinserción social.

'Pontes de papel' entre México e o Baixo Miño

No mes de abril, a OMIX de Tomiño comezou a desenvolver o seu primeiro proxecto epistolar: 'Pontes de papel', unha iniciativa inspirada na diversidade e no intercambio cultural para o enriquecemento da mocidade. Unha aposta internacional que até o mes de outubro mantén en contacto 60 mozos e mozas da contorna de Tomiño con outros tantos de México. "Participa desde alumnado de secundaria e ex universitarios.

Cada mes escriben unha carta sobre un tema pactado que busca favorecer a reflexión e achegar a xente nova a outras realidades". Igualdade, machismo, feminicidio, educación ambiental, infancia... Son algunhas das propostas que inspiran as misivas e que tamén se prestan ao intercambio doutros materias que se poderán ver nunha exposición itinerante unha vez finalizado o proxecto.