Tomar o pulso á realidade da coeducación no ensino galego

AS-PG e CIG-Ensino fan un estudo sobre a existencia de plans de coeducación nos diferentes centros de ensino. Unha tarefa, aclaran, que debería facer a propia administración mais que “non está nas súas prioridades”.

A coeducación debe de ser unha parte fundamental do ensino en Galiza. Así o consideran, entre outras, AS-PG e CIG-Ensino, que queren analizar o traballo que neste campo se fai nos centros de educación galegos. O sindicato aproveitará as visitas aos centros para presentarlle un inquérito ao profesorado sobre a existencia de Plans de coeducación, da figura dunha persoa coordinadora das actividades en materia de igualdade ou da oferta de materiais de libre configuración relacionadas con esta temática, entre outras cuestións. “Asumimos unha tarefa que entendemos que debe facer a Consellaría de Educación de forma urxente pero que demostrou que non está entre as súas prioridades”, lamentan desde o sindicato.

 

Para a CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega o traballo en equipo e coordinado en materia de coeducación nos centros de ensino “é fundamental para poder reverter a situación social que vivimos e que consideramos que é froito, en boa medida, de non contar cunha educación baseada na igualdade e no respecto ás diferenzas de cada persoa”.

 

Para tomar o pulso da realidade deste traballo nos centros, a CIG-Ensino pon en marcha unha campaña na que recabará información mediante un inquérito sobre todo o relacionado con esta cuestión. Dito inquérito seralle presentado ao profesorado, especialmente aos departamentos de Orientación e ás direccións, durante as visitas que vai realizar este mes aos centros, coincidindo coa conmemoración o 25 de novembro do Día internacional contra a violencia de xénero.

 

Os datos “obxectivos e contrastados”  servirán para demandar da administración “unha implicación que a día de hoxe non existe, máis alá dalgún xesto de cara á galería, e o cumprimento da normativa existente”.  

 

Un libro

 

Durante esta campaña tamén se entregarán exemplares do libro ‘Coeducación, Alicerce do ensino’, editado por estas dúas entidades e dispoñíbel tamén on line. Para a elaboración desta obra contouse coa colaboración de Mariam Moreno, especialista universitaria en cultura e violencia de xénero, que se encargou do capítulo centrado na elaboración do Plan de Igualdade.

 

Kika Fumero, especialista en coeducación, violencia de xénero e diversidade lgtbi é a autora do capítulo “Pupitres arcoiris”.  O capítulo dedicado á prevención da violencia de xénero na adolescencia é da autoría de Carmen Ruíz Repullo, doutora en socioloxía e experta en xénero e igualdade.  A “Interseccionalidade de xénero como enfoque educativo” é o título do capítulo de María Rúa Junquera, xornalista e especialista en dereitos humanos e conflitos internacionais. 

 

Carme Adán, catedrática de Filosofía cunha tese sobre epistemoloxía feminista, e docente do IES Politécnico de Vigo, explica o traballo sobre igualdade e diversidade que nos últimos cursos levou a cabo un grupo de docentes deste centro no capítulo titulado “O noso centro: un espazo de liberdade”.  María Xesús Enguídanos, diplomada en Maxisterio e Ciencias da Educación e coordinadora do Proxecto de Rede de Escolas asociadas á UNESCO, cóntanos a experiencia sobre coeducación que se levou a cabo no CEIP Isidora Riestra baixo o marco teórico do “Plan de acción da UNESCO para a prioridade Igualdade de xénero 2014-21”. 

 

Serve como peche do libro o capítulo “ Se coeducamos, conxugamos futuro!” de Carme Moure Espiño, licenciada en filoloxía hispánica e galego-portuguesa, que traballou a coeducación en distintos centros e formou parte do grupo que deseñou os currículos das materias de libre configuración de Igualdade de Xénero e Coeducación para o Século XXI.