Cerdedo-Cotobade

A toma de declaración de sobreviventes e unha reconstrución, pasos a seguir na investigación do accidente de bus

O autobús caído ao río Lérez. (Foto: Garda Civil)
Recuperar o vehículo será chave para coñecer, entre outras cuestións, a que velocidade circulaba.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, explicou esta terza feira que se tomará declaración aos dous sobreviventes do autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade en Noiteboa —o condutor e unha pasaxeira— para determinar as causas, á vez que se realizará unha reconstrución do sucedido a cargo un grupo especializado da Garda Civil chegado desde Mérida —Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT)—. No vehículo viaxaban nove persoas, sete das cales faleceron.

A preguntas da prensa en Santiago, o delegado do Goberno indicou que nesas tarefas será importante a información que poida achegar a recuperación do autobús do río Lérez, incluído o tacógrafo para coñecer a velocidade á que circulaba.

Así, espera que os traballos de izado do vehículo, que corresponden a Monbus —compañía operadora do autocar en cuestión— en colaboración co Ministerio e forzas de seguridade, poidan completarse na xornada desta terza feira.

Sobre as causas, Miñóns insistiu en que se segue investigando, con ese grupo que se despraza desde Mérida, que "vai ser o que leve o traballo da investigación". "Segundo vaian avanzando ese traballo de investigación poderemos saber as causas, así como co izado do autobús, o estudo do propio autobús e como se atopa", agrega.

Neste senso, apuntou que "a causa pode ser múltiple ou simplemente climática", xa que "as condicións climáticas non eran boas" nesa xornada, con todas as hipóteses abertas. "Imos deixar traballar á unidade especializada, e no momento no que teñamos esa información trasladarémola", engade. Por todo iso, pide "prudencia" e "paciencia", así como deixar traballar á Garda Civil.

Lembra que son traballos que "levan tempo". "Por tanto, até próximas semanas non teremos esa información de saber as causas exactas do acontecido", relatou. O estado no que se recupere o autocar —o obxectivo é rescatalo íntegro— será chave nas pescudas.