Todos os entroidos galegos, nun só día

[Imaxe: Santos] O Oso de Salcedo

Máis de medio cento de entroidos, a meirande parte deles sen apenas difusión, son documentados no novo caderno monográfico da colección “De Nós”, editada por Sermos Galiza, S.A. Trátase dun traballo documental tecido coas imaxes do fotógrafo compostelán Alfonso García Santos, que leva ás súas costas 30 anos de retratos aos entroidos rurais, e prologado polo arqueólogo e museólogo Felipe-Senén.

Poñan un colorido sombreiro adornado con plumas, pequenos colares, fitas douradas, chocas de cobre, vistosos flocos, xarreteiras, mantón… e coñezan os entroidos rurais que permanecen vivos ao longo da xeografía galega. Os protagonistas do novo monográfico “De Nós”, que suma catro edicións, son desta vez os curruvellos, as madamas e galáns, os homes do saco, o fedelloso, os felos, o zarramanculleiro, os cigarróns, os boteiros, os charrelos, os vergalleiros, os peliqueiros, os chocalleiros e o Oso de Salcedo, entre moitos outros.

 

Desta vez, Sermos Galiza, S.A. editou unha publicación pioneira, por ser o primeiro catálogo das principais variedades do entroido galego, que pon ao alcance da man das lectoras e lectores máis de medio cento de formas vixentes en diferentes puntos do territorio. Baixo o título Antroidos e máscaras na Galiza rural, a editora reuniu as imaxes e textos de Alfonso García Santos –coñecido polo seu segundo apelido–, fotógrafo e xubilado de TVE que leva 30 anos testemuñando as distintas celebracións. Todo comezou cando voltou da emigración, “fun de visita a Xinzo, que alí traballaba como médica a miña curmá e vivín por vez primeira o entroido”. Así, este concello da Limia foi o punto de partida que o levaría a participar das diferentes tradicións. Todas elas, insiste, vivas, formas recuperadas que fican lonxe de seren consideradas un vestixio.

 

Os entroidos que recollen as máis de cen páxinas deste caderno distan das fórmulas importadas e uniformadas, aquelas das carautas de plástico á venda nos bazares. As variedades tradicionais que testemuña Santos coas súas imaxes son etnoarqueoloxía vixente. Son o entroido auténtico. “É naqueles sitios pequenos do interior da montaña onde mellor se conservaron as tradicións, que pasaron de pais a fillos, e non son poucos os entroidos recuperados polo deus turismo”, afirma o fotógrafo, que elixiu as imaxes tiradas nos últimos quince anos para compoñer o mapa desta festa da liberdade e da creatividade.

 

O entroido como galaxia

 

As formas máis coñecidas son as adscritas ao denominado “triángulo máxico”, Verín, Xinzo de Limia e Laza, mais Santos, após a súa inmersión de anos nos diferentes entroidos rurais, advirte, “ese triángulo non é o máxico, senón o turístico”. O auténtico epicentro fórmano Manzaneda, Viana e Vilariño, “nas aldeas saen os folións á noite e fanse visitas dunha parroquia a outras, como era tradición, sen entrar en desfiles turísticos máis propias do ámbito militar”. “Hai décadas, dixemos cuadriláteros, hoxe dicimos espiral infinda, galaxia do entroido galego”, apunta Felipe-Senén ao respecto no texto introdutorio da publicación.

 

O de Santos é un traballo documental que reflicte unha etnografía que semellaba fenecer mais que acabou rescatándose. Beben, fundamentalmente, do pasado, mais hoxe estas variedades presentan diferenzas na súa vestimenta en ocasións, advirte, debido aos matrimonios mixtos, entre persoas naturais de diferentes lugares, “aprovéitase unha parte da roupa dun dos sitios, o pucho e a carauta doutro…”. Mais seguen a ser, salienta, auténticos. Unha autenticidade que deprende cada imaxe e que garda tras de si a empatía entre fotógrafo e persoa fotografada.

 

Múltiplas variedades

 

O estudoso do entroido Felipe-Senén subliña no prólogo do monográfico que poucos países “ofrecen tantas variedades tradicionais tan significativas” como Galiza, que multiplica “creatividades, cores, cantos, retrousos, músicas, leria, fantasía”. Un entroido, di, que actúa como proba diagnóstica do “estado anímico dun pobo”. Unha catarse colectiva na que se “espantan medos” e saen á luz os “vicios prendidos na colectividade”.

 

A rivalidades que aínda existen entre parroquias, vilas e comarcas polas vestimentas e as máscaras ancestrais amosan a “gran riqueza das tradicións” que sae á rúa e que sanda contra “a uniformidade global”. Refírese Felipe-Senén á vacina da “orixinalidade” que representan os entroidos da Galiza.

 

As subscritoras e subscritores do semanario Sermos Galiza recibirán nos seus enderezos postais un exemplar da publicación como agasallo. Aliás, quen quixer adquirilo, poderá facelo en librarías a partir dos próximos días a un prezo de 19,90 euros. Xa está á venda na loxa.

 

Un percorrido pola Galiza do interior

 

A gran maioría das festas retratadas por Santos pertencen ao interior. Poucos son os casos das vilas costeiras que recuperaron formas tradicionais do entroido. As testemuñadas polo fotógrafo son as seguintes: a Marela de Maceda; a Morena de Matamá; a Pita das Eiroás; a Queima do Meco; a Solta da Marela de Maceda; as figuras de animais no entroido; as Bonitas de Sande; Baixada da Morena de Laza; Boteiros de Trives; Boteiros de Viana do Bolo; Boteiros de Vilariño de Conso; Charrelos de Baños; Chocalleiro de Vilardevós; Cigarróns de Verín; Entroido Ribeirao; Fareleiros; Felo de Garabás; Felos de Boborás; Felos de Esgos; Felos de Maceda; Gárgolas de Celanova; Galos da Mezquita; Labardeiros de Mugares; Máscaras de Buxán; Madamas e Galáns de Cobres; Madamitas de Entrimo; Maragatos de Laza; Mázcaras da Xironda; Mázcaras de Manzaneda; Meco das Teixugueiras; o Boi da Veiga; o Cabreiro de Muíños; o Cigarrón de Verín; o Exército dos panos; o Fedelloso de Meira; O Folión; o Irrio de Lumeares; o Meco da Xironda; o Meco das Teixugueiras; o Oso de Salcedo; o Rei de Covelo; o Xigante e o Touro de Celavente; o Vellarrón de Riós; o Vello dos Cornos de Vila de Cruces; o Zarramanculleiro de Cualedro; os Chambergos de Santeles; Pantallas de Xinzo; Peliqueiros de Campobecerros; Peliqueiros de Laza; Troteiros de Bande; Vergalleiras das Teixugueiras; Vergalleiros de Sarreaus; Vixigueiros de Samede e os Xenerais da Ulla.

 

[Podes adquirir este caderno monográfico na loxa]