Todo o que precisas saber sobre as novas oposicións do Sergas

Oposicións do Sergas decorridas o pasado ano no recinto de Silleda (Foto: Europa Press).
O Sergas realizará este ano unha nova convocatoria de prazas fixas de enfermaría na que se acumularán as ofertadas en 2019, 2020 e 2021. Por outra parte, hai en curso unha oferta pública de emprego (OPE) para diferentes categorías profesionais con máis de 13.000 persoas aspirantes.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días unha convocatoria de prazas fixas para persoal de enfermería das institucións sanitarias do organismo. Nun comunicado, a Consellaría de Sanidade explicou que así se acordou esta sexta feira na reunión da mesa sectorial de Sanidade, que estivo presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez.

En concreto, as prazas convocadas son 1.070, acumulando as ofertadas nos anos 2019, 2020 e 2021, sendo posíbel que se incremente este número coas que resulten de aprobación do decreto de oferta pública de emprego (OPE) para 2022, que se publicará antes do 1 de xuño e conterá prazas tanto de taxa de reposición ordinaria como da taxa adicional de estabilización.

Alén de incorporar algún axuste no baremo a respecto de procesos anteriores, nesta convocatoria, e no actual contexto, reducirase a nota de corte para superar o exame específico da fase de oposición de 50% a 35%. A convocatoria incluirá unha puntuación adicional por servizos prestados durante a pandemia nesta categoría sanitaria, en aplicación do disposto na Lei de medidas fiscais e administrativas da Galiza, co dobre de valor.

Tamén se incluirán medidas recollidas no primeiro Plan de Igualdade a respecto das mulleres xestantes con problemas para desprazarse no momento de realizar o exame. Na convocatoria redúcese a produción interna de 50% a 25% das prazas para dar maior número de prazas ao acceso libre.

A Xunta, así mesmo, sinalou que 60% da puntuación na convocatoria é para a fase de exame e 405 para méritos de formación, experiencia e outros, como investigación e publicacións, así como a puntuación adicional por prestación de servizos durante a pandemia. Co propósito de que poida participar o "maior número de aspirantes posíbel", incluíndo as persoas da última promoción de enfermaría que rematarán os seus estudos universitarios o próximo mes de xuño, o Sergas fixará a data límite para a inscrición neste proceso o 15 de xullo de 2022.

Cronograma da OPE de 2022

Na citada reunión, as persoas responsábeis de Recursos Humanos do Sergas informaron ás organizacións sindicais dun calendario coa previsión de datas de realización dos exercicios da fase da oposición da OPE en curso, con categorías que comprenden persoal de oficios, informática e persoal licenciado sanitario de hospitais, que se vai a desenvolver nos próximos meses de abril e maio.

Para esta OPE están inscritas case 13.000 persoas aspirantes. En concreto, segundo este calendario, para o día 23 de abril estarían convocados os facultativos especialistas de cirurxía oral e maxilofacial; de cirurxía pediátrica; de cirurxía estética, plástica e reparadora; de inmunoloxía; de oncoloxía radioterápica; así como fontaneiros e costureiros.

O domingo 24 de abril acudirán ao recinto de Silleda os 'pinches' e técnicos de farmacia con discapacidade intelectual, e o día 7 de maio os condutores e 'pinches' de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral. Aliás, o domingo 8 de maio os chamados a examinarse serían os da categoría de calefactores, logopedas, técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información, os traballadores sociais, os técnicos de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e o persoal de lavandaría.

Xa para rematar, o sábado 14 de maio sería a quenda dos cociñeiros mecánicos, terapeutas ocupacionais e telefonistas, e para o domingo día 15 citaranse os electricistas, pasadores de ferro e técnicos especialistas en sistemas e tecnoloxías da información.