Todo o que debes saber da pílula contra a Covid que avala a UE

As pastillas antivirais contra a Covid-19 (Imaxe: Nós Diario)

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) vén de aprobar o uso de emerxencia da pílula antiviral contra a Covid-19.

Os Estados membros da UE poderán decidir se autorizan ou non o uso da pílula antiviral contra a Covid-19 que vén de aprobar a EMA. O regulador europeo informa de que os estudos suxiren que o tratamento pode reducir a capacidade de virus de se replicar dentro do corpo das persoas.

Desta maneira, a pastilla, cuxo nome é molnupuravir e que antes se probara contra o virus da gripe, podería previr a hospitalización e o falecemento a causa da enfermidade.

A decisión da UE non é un visto bo total ao medicamento, mais a luz verde a que os Estados poidan utilizala en situacións de emerxencia abre a porta a unha aprobación definitiva nas próximas semanas.

Se se administra a pílula a pacientes nos días posteriores a un test de diagnóstico positivo, reduce nun 50% as posibilidades de hospitalización, segundo un ensaio clínico da EMA.

O Reino Unido foi o primeiro en autorizar o molnupiravir en persoas que sofren Covid lixeira ou moderada e presentan cando menos un factor de risco de desenvolver a enfermidade de maneira grave: obesidade, idade superior aos 60 anos, diabetes ou enfermidades cardíacas.

Dado o anuncio, Merck empezou a producir de maneira masiva o medicamento e ten previsto fabricar as doses necesarias para 10 millóns de tratamentos antes de fin de ano. A compañía farmacéutica fechou acordos cos EUA -que adquiriu cada tratamento, que consta de 40 pastillas: 4 cápsulas dúas veces ao día durante cinco días, por 600 euros- e Francia.

A OMS advirte dun rebrote en Europa

O anuncio chega cando o director da Organización Mundial da Saúde (OMS) para Europa, Hans Kluge, alertou de que o continente está nun punto crítico de rebrote. Amosouse preocupado polo alivio das restricións nalgúns Estados.

“Todos os países do continente enfróntanse a unha ameaza real de rexurdimento da Covid-19”, alertou Kluge, quen destacou que de alcanzarse o 95% de uso da máscara poderían salvarse 188.000 vidas do medio millón que se poden perder de aquí a febreiro de 2022.

Un dos peores rexistros dáse en Alemaña, onde as autoridades notificaron 33.949 novos contaxios no último día. É a cifra máis elevada desde o inicio da pandemia.