Todo o litoral galego en alerta por temporal costeiro esta terza feira

Unha persoa protéxese da chuvia e do vento durante un temporal na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
En terra, os refachos provocarán avisos amarelos por superar os 70 e, mesmo, os 80 quilómetros por hora.

Meteogaliza prevé a activación de senllos avisos por fortes ventos e choivas para esta terza feira en boa parte do país.

As alertas serán de nivel laranxa por vento no mar para practicamente toda a costa galega coa única excepción da Mariña, onde será amarela.

En concreto, o aviso laranxa afectará o litoral desde A Guarda até Estaca de Bares. Prevense ventos de forza 8 (60 quilómetros por hora) desde as 9 da mañá até o mediodía.

En canto á costa mariñá haberá aviso amarelo por fortes ventos no mar de forza 7 (50 km/h). Este fenómeno adverso prolongarase desde as 12 até as 15 horas da tarde.

En terra

En terra, os refachos provocarán avisos amarelos por superar os 70 e, mesmo, os 80 quilómetros por hora.

A estes avisos haberá que sumar os de nivel amarelo previstos por abundantes precipitacións, de máis de 15 litros por metro cadrado nunha hora en municipios de Costa da Morte, na península do Barbanza, na comarca de Santiago e noutras zonas do interior.