Novo número na rúa

Todo sobre o Día da Patria Galega no Sermos Galiza 356

O semanario en papel Sermos Galiza adianta a súa saída e, desde esta noitiña, estará dispoñíbel na loxa. Trátase dun número de 40 páxinas que abren cunha sección especial sobre o Día da Patria Galega.

Sermos Galiza celebra o Día da Patria Galega coa saída dun novo número do semanario en papel, que suma xa 356 edicións. Trátase dunha publicación de 40 páxinas das cales 14 están dedicadas ao 25 de Xullo. Comezamos recollendo unha guía sobre os actos nacionais das organizacións políticas e continuamos coa opinión de David Otero e Marga Do Val, tamén centradas no Día da Patria Galega, ao igual que o cadriño de Tokio. Xoán Costa, ademais, publica unha nova entrega de A ollo nu.

A continuación, un painel de voces corais representativas a nivel social expoñen que significa para elas o 25 de Xullo e que cómpre facer para socializar este día. Despois é a quenda dos representantes políticos, que escriben cadanseu artigo de opinión. Participan Miguel Tellado (PP); Gonzalo Caballero (PSOE); Ana Pontón (BNG); Antón Sánchez (En Marea); Luís Villares (Grupo Mixto) e Joam Peres (Causa Galiza).

Hai espazo para traer a memoria ao presente. Así, Cilia Torna bota a ollada atrás para lembrarnos os acontecementos que decorreron durante a misa de Rosalía o 25 de xullo de 2019.

O semanario continúa cunha información sobre o audiovisual sobre Moncho Reboiras que prepara a Fundación Terra e Tempo e cunha reportaxe sobre as feiras medievais que ateigan Galiza este verán.

En Política, tamén con motivo do Día da Patria Galega, entrevistamos o máximo representante do Parlamento, Miguel Santalices. E fechamos cunha análise sobre a sesión de investidura do Goberno español.

O Fóra de Serie abre cun perfil da artista Yolanda Carvajales e cunha entrevista a Baiuca. A crítica de cinema e a literaria e mais unha información do campo de concentración do mosteiro de Oseira completan a sección cultural dun Sermos Galiza que inclúe o Caderno de Verán, de oito páxinas.

O suplemento estival descóbrenos as illas máis descoñecidas da Galiza e o relato inédito de Eli Ríos e Elías Portela. Un paseo por Cambados, o verán de Sés, unha completa axenda sobre o Festigal, o pasatempos e o selfie ao artista Xacobe Meléndrez.

A partir desta noitiña, o semanario estará dispoñíbel na loxa e a partir da quinta feira, nos quiosques.