Todas as máscaras protexen contra a Covid? Isto opinan as persoas expertas

Un home merca máscaras nunha oficina de farmacia (Foto: Marta Fernández/Europa Press).
Toda protección é "mellor que nada", malia que a comunidade científica lamenta que os gobernos non teñan enfatizado máis en informar a poboación sobre a seguridade que ofrece cada tipo de máscara.

A profesora de Ciencias da Terra da Universidade de Durham (Reino Unido) Claire Judith Horwell asegura, nun artigo publicado no xornal The Guardian, que agora que existe un maior coñecemento sobre o espallamento do virus debería ser unha "prioridade" aumentar o uso de máscaras FFP2.

Horwell, se ben admite que calquera cobertura da cara é "mellor que nada", lamenta que países como o Reino Unido, ou o Estado español, non tivesen enfatizado en informar de cal é a protección máis efectiva nin traballasen para que a poboación xeral teña acceso a ela.

"Case dous anos após a pandemia, a orientación oficial segue a ser confusa. O Goberno [inglés] aínda desalenta as persoas traballadoras non sanitarias dos hospitais a obteren o Equipamento Persoal de Protección (PPE), incluída a protección respiratoria certificada", lamenta, en relación ao "recomendábel" uso da FFP2.

Neste senso, a profesora salienta: "Por norma xeral, se vostede sente que entra aire nos ollos e as súas lentes empanan axiña, ou sente que o seu alento escapa polos bordos... Entón tamén podería entrar aire contaminado".

A barba, advirte, podería "obstaculizar" o fechamento hermético da máscara. Ao xuízo de Horwell, as máscaras de dúas pregaduras, que veñen cunha dobrez no centro, "non supoñen un gran selo porque o clip do nariz dobra no medio".

"Cando coloque unha máscara debe moldear o clip ao seu nariz, non apertalo. Do contrario, o aire escapará arredor da ponte do nariz", sinala.

Por outra banda, alerta sobre as máscaras de "copa dura", porque "con frecuencia non se axustan a caras pequenas ou estreitas", e, aliás, "son as menos flexíbeis para moldealas á forma da cara".

Sobre as que teñen "forma de barco", pola contra, afirma que se adaptan "moi ben" a cada persoa, e atópaas "moi cómodas".

A respecto dos ganchos para as orellas en comparación coas correas para a cabeza, di que os ganchos "brindan suficiente tensión, sen lastimar as orellas, para manter un bo selado facial".