Toda Galiza, agás Monforte, sitúase no nivel máis baixo de restricións pola Covid-19

Unha das zonas máis recoñecíbeis da localidade. (Foto: Concello de Monforte)
A Consellaría de Sanidade e o Comité Clínico acordaron que o municipio do interior galego teña unhas limitacións de nivel medio-alto polo menos unha semana máis. A máscara é unha das medidas que continúan sendo obrigatorias en todo o país.

A gran maioría dos municipios do país fican a partir deste sábado no nivel medio-baixo das prohibicións para evitar a expansión da Covid-19. A Consellaría de Sanidade e o Comité Clínico decidiron na súa reunión da pasada terza feira que sexa Monforte de Lemos o único concello nun chanzo superior debido á evolución epidemiolóxica.

Mentres o resto das localidades quedan só coas limitacións básicas, Monforte está no nivel medio-alto de risco, situación que vén dada polos contaxios na vila, entre os que destaca o gromo detectado na residencia DomusVi. Isto implica que nos estean permitidas as verbenas e que os comercios fiquen ao 50% da súa capacidade, entre outras cuestións.

As diferentes restricións aparecen recollidas no Diario Oficial da Galiza (DOG) que se publicou na quinta feira e estarán en vigor até o 2 de outubro.

Non haberá ningún punto do país no nivel alto nin no máximo pero hai medidas que continúan a ser obrigatorias para toda a sociedade galega como é o uso da máscara en estabelecementos públicos e en todos aqueles espazos abertos onde non se poida garantir a distancia de seguridade.

Entre outras cuestións, a ocupación máxima nos servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes será de oito persoas no interior e de 15 nas terrazas, por mesa ou agrupación de mesas.

De momento, sen Certificado Covid

En calquera caso, a Xunta subliña no boletín que deberá garantirse que se mantén a "debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas".

Tamén deberán establecerse as medidas necesarias para manter "a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, especialmente na disposición e no uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais nos que se desenvolvan actividades".

Outro dos aspectos que clarifica o DOG é o mantemento da suspensión do Certificado Covid pois, a pesar de recoñecer o Tribunal Supremo a súa validez, ao Executivo galego opta por non volver pedilo -de momento- para acceder ao interior dos locais de hostalaría.