Toda a costa galega, en alerta amarela por refachos de vento e forte ondada

Fortes refachos de vento e ondadas na Coruña, o pasado 8 de xaneiro (Foto: M. Dylan / Europa Press).
As temperaturas baixan e oscilarán entre os 3 graos de mínima de Lugo e os 14 de máxima de Vigo e Ourense.

Toda a costa da Galiza estará esta segunda feira en senllos avisos amarelos por ventos de forza 7 no mar, así como por ondas que poderán alcanzar entre catro e cinco metros de altura.

Segundo o boletín de avisos de Meteogaliza, os fortes refachos de vento do noroeste na costa afectarán a comarca lucense da Mariña e o noroeste da Coruña, e durarán entre as 3 horas da madrugada e as 12 do mediodía.

No tocante á alerta por ondas de catro a cinco metros, iniciarase ás 3 horas no litoral coruñés, ás 6 na costa de Pontevedra e ás 9 na de Lugo. Estenderase, cando menos, até a medianoite.

Aliás, o país continuará esta segunda feira con moita inestabilidade atmosférica e aire frío tras o paso da fronte deste domingo. Por tanto, os ceos estarán parcialmente cubertos con chuvascos xeneralizados.

De feito, Meteogaliza, as precipitacións serán máis intensas e frecuentes pola mañá e nalgúns puntos do territorio estarán acompañados de saraiba e tormenta eléctrica. A cota de neve estará nos 900 metros.

A respecto das temperaturas, sufrirán un lixeiro descenso. Así, por cidades, a mínima máis baixa rexistraraa Lugo, con 3 graos, mentres que as máximas non pasarán dos 14 de Vigo e Ourense.

Pola súa parte, o vento soprará forte do noroeste pola mañá e amainará progresivamente a partir do mediodía.