Denuncia da CIG-ensino

Título de ‘Vigués distinguido’ para centros do Opus Dei que segregan alumnado por xénero

Imaxe Concello de Vigo

CIG-Ensino pídelle o Concello de Vigo que non conceda este recoñecemento aos centros de ensino privados concertados Montecastelo e As Acacias, “que segregan alumnado por razón de xénero”

Son centros que, con diñeiro público, segregan o alumnado por razón de xénero, impiden a convivencia, a escolarización de persoas de distinto sexo, do alumnado LGTBI e desterran a coeducación, denuncia a CIG-Ensino. O sindicato, maioritario no sector, rexeita que se conceda o título ‘Vigués disntinguido’ aos centros de ensino privados concertados Montecastelo e As Acacias, “que segregan alumnado por razón de xénero”

Son centros elitistas, afirma a CIG, pertencentes ao Opus Dei e que seleccionan as familias por ideoloxía e patrimonio, desbotando o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. “Son centros concertados, pagados totalmente con diñeiro público, cuxos concertos foron obxecto de recurso pola CIG-Ensino e declarados ilegais polo Tribunal Supremo por segregar o alumnado por razón de xénero, o que non foi impedimento para que o PP os legalizase mediante a LOMCE”.

Para a central sindical, con este recoñecemento, o Concello de Vigo “non só reforza un modelo educativo confesional e reaccionario” senón que tamén está avala a LOMCE, lei que está sendo combatida en Vigo e en toda Galiza pola comunidade escolar. “Con esta distinción estanse afianzando modelos educativos relixiosos e excluíntes que desprezan a diversidade e impiden un ensino laico, coeducativo, científico e inclusivo”.