Titulares de imprensa sobre as mulleres deportistas: 'idade', 'embarazada', 'solteira'

ChicacoTribune

Un estudo da Universidade de Cambridge analizou 160 millóns de palabras en diarios, blogues e publicacións en redes sociais.

O sexismo e machismo que impera no tratamento informativo do deporte feminino ficou confirmado através dun estudo realizado pola Universidade de Cambridge no que foron analizadas 160 millóns de palabras procedentes das novas publicadas en diarios, blogues e mesmo redes sociais.

Elas 'solteiras' eles 'gañadores'

As conclusións do estudo deixa claro que o espazo informativo dos homes no deporte é tres veces maior porén, tamén evidencia que a focaxe é ben distinta cando se trata delas. 

Así, as palabras máis repetidas para se referir ás mulleres deportistas son 'idade', 'embarazada', 'solteira' ou 'casada'. En troca, para eles son 'rápido', 'forte', 'grande', 'real', 'fantástico' ou 'xenio'. Aliás, mentres eles 'dominan' as competicións elas 'participan'. 

O decorrer dos Xogos Olímpicos de Río 2016 deixaron a este respeito grandes exemplos do sexismo na imprensa. Así, para alén do sonado ranking elaborado polo xornal El Mundo no que tildaba de 'buenorras' as atletas, máis recentemente o Chicago Tribune anulou a deportista Cory Cogdell, gañadora da medalla de bronce en tiro, para a denominar nas redes sociais como 'a muller do dianteiro do [Chicago] Bears'. 

 

Sexismo nas normas de competición

Mais o sexismo no deporte vai alén do tratamento informativo para impregnar as propias normas. Os Xogos de Londres 2012 foron os primeiros nos que a Federación Internacional permitiu que as mulleres de volei praia puidesen xogar en pantalóns e camiseta. Até ese momento e desde Sydney 2000 estaban obrigadas a o faceren en bikini cunha braga non superior a 6 centímetros. No caso do volei masculino non existía ningunha obriga nen limitación á hora de determinar as equipacións. 

A normativa obriga as mulleres a usar un bikini non superior a 6 centímetros

A mudanza foi aprobada por razóns "culturais e relixiosas", segundo defendeu a Federación, co obxectivo de ampliar a competición a aqueles países cuxas deportistas non quixesen ou non puidesen participar por mor da vestimenta. Neste senso, Río 2016 deixou imaxes tan simbólicas como a das xogadoras de Exipto (Doaa Elghobashy e Nada Meawad) e Alemaña (Laura Ludwig e Kira Walkenhorst). A equipa alemá gañou dous sets a cero. 

No Estado español o conflito polo carácter sexista da vestimenta que se exixe para as mulleres en determinadas disciplinas deportivas xurdiu en 2014 arredor do balonmán praia. A normativa obrigaba a vestir top e bikini ás xogadoras de "non máis de 10 centímetros". A Federación Vasca denunciou as exixencias e advertiu que as súas equipas non xorgarían se estas non eran retiradas. Finalmente, o Consello Superior de Deportes acordou a partir dese momento a liberdade de escolla.