Crise dos pellets

Titulados náuticos sacan as cores ás administracións: a crise dos pellets "deixa en ridículo" a vixilancia costeira

Unha voluntaria recollendo pellets de plástico nunha praia da Coruña. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
"Non é de recibo deixar toda a carga de traballo nas mans de persoas voluntarias e municipios afectados", censuran.

A Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueiros (Aetinape) asegura que a vertedura de plásticos que afecta a costa galega e que alcanzou xa Asturias "deixa en ridículo" o funcionamento dos dispositivos de vixilancia costeira e de control ambiental que desenvolven, respectivamente, Estado e Xunta da Galiza. Nun comunicado emitido esta segunda feira, Aetinape censurou o exercicio de "e ti máis" que, ao seu xuízo, realizan Xunta e Goberno español ante esta situación, que cualifican de "nova vergoña internacional do nivel do Prestige".

Neste sentido, a asociación incidiu en que a "marea plástica" evidencia a "escasa operatividade" do sistema de vixilancia costeira do Estado e da observación ambiental da costa e augas interiores "que desde terra e mar debería exercer" a Xunta.

"Fantasma burocrático"

O colectivo de profesionais do sector cre que a "prolífica existencia de medios de prevención marítimos, aéreos e terrestres converteuse nun fantasma burocrático ante o ridículo espectáculo que están a ofrecer ante os millóns de bólas de plástico que poñen en perigo o ecosistema e a salubridade costeira".

Así, Aetinape insta a Xunta e Estado a abandonar a "simple refrega de 'e ti máis' entre responsábeis políticos", pois "impide actuar con celeridade na organización dos dispositivos necesarios".

"Exiximos que ambos os gobernos tomen cartas no asunto, deixen de culparse, abandonen a nauseabunda ocultación da realidade, realicen a necesaria autocrítica e poñan todas as súas capacidades ao servizo da rexeneración costeira. Non é de recibo deixar toda a carga de traballo nas mans de persoas voluntarias e municipios afectados", concluíu Aetinape.