Graduadas en avogacía piden "facilidades" para a habilitación profesional ante as trabas derivadas da crise sanitaria

Imaxe dun xuízo realizado durante o confinamento (Europa Press)

O estado de alarma decretado polo Goberno pola crise sanitaria da COVID-19 deixou en suspenso o exame de acceso á profesión da avogacía, convocado para o pasado 28 de marzo. Ante a "incerteza" da súa situación, persoal graduado pide ao Ministerio de Xustiza "facilidades" que permitan ás 6.000 aspirantes do conxunto do territorio estatal obter a habilitación necesaria para empezar a exercer. 

 

O colectivo vén de lanzar un comunicado no que pide que "se faciliten medidas, da mesma maneira que se fixo nos restantes ciclos académicos, se e proceda a concedernos a habilitación xeral para o exercicio da avogacía, que supón un requisito imperativo para colexiármonos o máis axiña posíbel". 

Entre as súas reclamacións cóntase a petición de supresión do exame previo e a habilitación xeral ou, no seu caso, a súa realización por medios telemáticos ou en lugares habilitados para ese efecto en cada Universidade, respectando as medidas de distanciamento. 

Segundo consideran as aspirantes, entre as que se contan as das universidades galegas, o requisito de realizar o exame obrigatorio de aptitude "resulta un trámite innecesario, en tanto que mediante a realización da proba non nos outorga nin fai que perdamos experiencia profesional, e non demostra que esteamos nin máis nin menos preparadas para exercer a profesión". Lembran tamén que o exame, "que se asemella a unha oposición", non garante unha praza, "xa que a avogacía resulta unha profesión liberal".

Como destaca o comunicado, as persoas que estaban chamadas a realizar a proba necesaria para a habilitación teñen cursado grao en Dereito, que ten unha duración mínima de 4 anos, e un mestrado de acceso á profesión que dura un ano e medio e que inclúe un período de prácticas en despachos profesionais, "tendo así xa contacto directo coa profesión, e adquirindo a experiencia necesaria para lanzarnos ao mundo laboral".