Social

Tímida resposta da ultradereita españolista nas rúas da Galiza

Caravana de Vox na Coruña [Arxina].
A convocatoria da 'Caravana por España y su libertad' tivo escaso seguimento nas cinco cidades galegas incluídas.

A “Caravana por España y su libertad” percorreu na mañá de hoxe, a partir das 12 horas, diversas rúas da Coruña, Lugo, Vigo, Ourense e Pontevedra. Esta foron as cinco cidades nas que se convocaron as protestas desde os vehículos, unha iniciativa de Vox para exixir a "dimisión do Goberno" ante a "nefasta xestión da crise sanitaria".

Segundo fontes de Vox, en Pontevedra congregáronse entre 300 e 400 coches, en Ourense máis de 100, en Lugo máis de 50 e na Coruña preto de 300. Porén, as fontes oficiais e as imaxes das redes sociais desmenten estes datos, moito máis moderados: 47 vehículos en Lugo, arredor de 100 en Ourense, 150 en Pontevedra e 114 en Vigo. O poder de convocatoria da ultradereita na Galiza agroma aínda con timidez. 

Contramanifestantes identificadas

Os vehículos percorreron o centro urbano ondeando bandeiras españolas. Nalgúns puntos, foron apupados ao berro de "fascistas" polas persoas participantes en varias contramanifestacións. Estas sumáronse a outras iniciativas de carácter máis simbólico, como a de pendurar "cartazes em janelas, portais, bairros e varandas com a legenda Fascismo Nunca Mais", enunciada por Causa Galiza.

Algunhas destas persoas que expresaron o seu rexeitamento á caravana de Vox foron identificadas en Lugo, levantáronse catro actas de sanción a grupos antifascistas por insultos á Policía e realizáronse 35 propostas de sanción en Vigo, nunha das contramanifestacións na Praza Eugenio Fadrique.

Abascal tende a man a Feixoo

A caravana non pide unicamente a dimisión do Goberno pola xestión da pandemia, senón que critica en especial o seu pacto con Bildu pola supresión da reforma laboral, o que cualificaron de "chantaxe". Neste senso, o partido liderado por Abascal procura as súas propias alianzas. Na pasada sexta feira o portavoz de Vox tendíalle de novo a man ao actual presidente da Xunta e líder do Partido Popular galego, Alberto Núñez Feixoo, para impedir a conformación dun goberno de "extrema esquerda" na Galiza, após os comicios do 12 de xullo.

Nunha entrevista en EsRadio, recollida por Europa Press, Abascal lamentou as declaracións de Feixoo durante os últimos meses nas que desprezaba o seu partido, mais mostrou a permanencia da disposición da súa formación de se aliñar co PP na Galiza tras as eleccións do 12 de xullo. O líder de Vox recoñecía así que o seu partido non está en situación de gañar as eleccións galegas, mais en cambio si cre que pode acadar unha representación "moi grande", susceptíbel de condicionar o futuro Goberno.

Non é a primeira vez que Vox ofrece apoio a Feixoo. Xa en decembro de 2019, nun acto decorrido en Lugo, o secretario xeral, Javier Ortega Smith, asumía o compromiso de axudar o PP a "continuar á fronte da Xunta no caso de perder a maioría absoluta". O propio Abascal reiteraba esta idea na precampaña de abril, poñendo as parlamentares a disposición de Feixoo.

Segundo a formación españolista sinalou onte a Nós Diario, nas protestas organizadas ao longo desta semana en Vigo e A Coruña "contamos coa participación de adherentes e mesmo dirixentes do Partido Popular".