Tiago Alvite (Comité Intercentros): "A CRTVG está secuestrada polo PP para manterse no poder"

O presidente do comité, Tiago Alvite, da CIG. (Foto: Arxina)
O Comité Intercentros da CRTVG convocou unha manifestación para este domingo en Compostela, secundada por máis de 60 colectivos sociais, culturais e formacións políticas, para exixir “unha CRTVG ao servizo do pobo”. Nós Diario conversa co presidente do Comité Intercentros e sindicalista da CIG, Tiago Alvite, para coñecer as razóns da protesta.

—Cales son os motivos de convocar esta manifestación?

Entendemos que a CRTVG está secuestrada polo Goberno galego do PP para perpetuarse no poder sacrificando os principios básicos da Corporación, como a garantía do pluralismo político, social e cultural, a defensa da igualdade, a normalización do galego, ou a atención á xuventude e a infancia, entre outros. Cómpre dar unha resposta social o máis ampla posíbel para rescatar os nosos medios.

Para isto, reclamamos o cumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza, do ano 2011, aprobada polo propio PP, que recolle que o director xeral da CRTVG sexa elixido pola maioría cualificada do Parlamento da Galiza, así como a aprobación do Estatuto profesional e o Consello de Informativos como instrumentos que garantan a independencia dos profesionais da información, un mandato marco que fixe os obxectivos estratéxicos do servizo público, e a creación dunha autoridade audiovisual independente do Goberno e os operadores que vele polo cumprimento deses obxectivos. Así, a finalidade da mobilización é exixir ao Goberno do PP que poña a CRTVG ao servizo do pobo.

"A finalidade da mobilización é exixir ao Goberno do PP que poña a CRTVG ao servizo do pobo"

—A mobilización conta co apoio de máis de 60 colectivos de distinta índole.

Si, é unha convocatoria do conxunto da sociedade galega e do seu tecido organizativo, polo que participan colectivos sociais, culturais, políticos, sindicais e profesionais diversos. É a primeira protesta que se leva a cabo na historia da CRTVG que non se reduce ás reclamacións das persoas traballadoras da corporación, senón que a secunda toda a poboación. O propio pobo galego, que paga os medios públicos, leva a cabo esta reclamación social para rescatar a CRTVG do poder político. 

Até o de agora, as manifestacións que se realizaron foron convocadas de maneira exclusiva pola representación sindical e presentaban un carácter fundamentalmente socio-laboral. Porén, esta mobilización conta cun perfil social e político, pois é a poboación quen reclama ao PP que devolva os medios públicos, que non son da súa propiedade, á sociedade galega. Así, o Comité Intercentros é un organismo convocante máis en pé de igualdade que o resto de organizacións que chaman á mobilización na protesta. 

Por todo isto, esperamos que haxa unha participación masiva e que se nos escoite. A sociedade galega sempre estivo á altura dos momentos importantes e críticos do país, e sempre respondeu en defensa dos seus propios intereses, polo que só contemplamos que esta mobilización sexa un éxito.

—Cal é entón a situación na que se atopa a CRTVG? 

A CRTVG atópase nunha situación de secuestro por parte do PP que se está a agravar cada vez máis. Este secuestro implica, no que respecta á programación informativa, a manipulación dos contidos dos telexornais en beneficio da forza política no Goberno, o Partido Popular. E no que respecta ao resto da programación, o deterioro da variedade, o equilibrio e a calidade dos 
contidos destinados aos distintos públicos.

Os medios de comunicación públicos forman parte do marco que garante a democracia, non son un instrumento máis, senón que teñen un papel fundamental na súa estruturación. Por isto, ten que haber un control social para garantir a súa independencia, o que implica un control tanto dos contidos que se emiten como da xestión dos medios públicos. Porén, para que isto sexa posíbel, é precisa unha vontade política para aplicar a lei de 2011.

"Por unha CRTVG ao servizo do pobo"

Denunciando a "manipulación" sobre os medios públicos e a "cancelación" de contidos por parte do Goberno galego decorrerá a manifestación deste domingo en Compostela. O Comité Intercentros reclamará con esta protesta que a CRTVG sexa “un instrumento ao servizo das necesidades sociais, democráticas e culturais do pobo galego”, indica Tiago Alvite

Ao remate da mobilización, o director teatral Quico Cadaval e a actriz Patricia Vázquez amenizarán a chegada das e dos manifestantes. Dous profesionais do cadro de persoal da CRTVG, Ana Romaní e Manuel Pampín, lerán o manifesto da convocatoria. Tamén haberá unha actuación musical da cantautora Silvia Penide.  “Cremos que o propio formato da manifestación vai garantir o seu éxito”, prevé Tiago Alvite, sindicalista da CIG.