Editorial Sermos297

Editorial Sermos297: "Ti Contas!"

Acto de apresentación de 'O Diario Galego' [Foto: Xan Muras]

A campaña para o lanzamento de O Diario Galego en 2019 enceta o seu percorrido por toda a Galiza para dar a coñecer o proxecto do que será o único diario en papel en galego, e en defensa dos intereses galegos. A través de actos dinámicos, respostaremos todas as dúbidas de quen aposte por un xornalismo de calidade e crítico, centrado na Galiza. Sermos Galiza estará tamén aberto ás suxestións de quen queira sumar nun proxecto que aspira a ocupar un espazo baleiro nun sistema mediático orfo dun diario en papel que olle para o país.

 

Falamos dun proxecto necesario que rompa coa anormalidade que supón que Galiza non teña diario ningún en papel no idioma propio. Falamos dun proxecto que dará voz e acubillo a temas que se botan en falta na axenda mediática dos diarios en papel: cultura, traballo, feminismos, lingua, diáspora, dereitos civís, deporte de base…

 

Para facer de O Diario Galego unha realidade necesitamos sumar 3.000 subscricións. Somos conscientes de que non é tarefa fácil. Porén, sabemos que podemos lograr que persoas que queren un xornalismo alternativo ao que hoxe en día practican os diarios en papel non aforrarán esforzos para que O Diario Galego naza. Por iso, ti tamén contas! Faite asinante.