Vai co Sermos296

‘Ti contas’, un suplemento especial sobre ´O Diario galego´

Con este número 296 do semanario Sermos Galiza repártese un suplemento especial de 64 páxinas no sobre o proxecto de ‘O Diario Galego’, e por iso mesmo tamén é un especial sobre o xornalismo, a sociedade e o noso país. O nº 296 do semanario, xa na nosa loxa

 

O nº 296 do semanario Sermos Galiza estará nos quioscos e librarías esta cuarta feira, adiantando un día a súa publicación a respecto do que é habitual (quinta feira) por ser este festivo, 17 de maio, Día das Letras Galegas. Co semanario vai un suplemento de 64 páxinas, ‘Sermos O diario galego. Ti contas’, no que diferentes voces e perspectivas conflúen sobre a necesidade dun proxecto xornalístico diario e na nosa lingua. Deste especial tíranse 5.000 exemplares que, ademais de se distribuír con este número  do semanario, repartiranse esta quinta feira entre as persoas asistentes á  manifestación de Queremos Galego.

 

O suplemento acolle unha entrevista con Xoán Costa, presidente do Consello de Administración e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A: “O Diario Galego é parte do porvir de Galiza”. Tamén falamos con Martxelo Otamendi, director do Berria, xornal integramente en euskera, que afirma que “a información bilingüe é un fracaso”. Outra voz entrevistada neste caderno é Esther Vera, directora do Ara, unha peza fulcral no puxante espazo catalán de comunicación. “O papel sempre manda moito”, sentenza. Màrio Ramires, director do i e do Sol completa as entrevistas do caderno. “Acreditamos muito na informaçao própria”.

‘Un xornal para a liberdade e a reflexión’ é o artigo de Tareixa Navaza, unha peza na que acredita en que O Diario Galego “vai iluminar o debate democrático”, un diario para que as lectoras e lectores poidan deterse “a reler, reflexionar e buscar explicacións”.

 

Margarida Ledo Andión fai a pregunta e atopa a resposta ‘Un diario en galego? Si, grazas’. “A lingua é un sistema de pensamento, de visión, que reforza ou pode esfarelar o vencello social”, explica no seu  artigo, no que aponta como os medios “son un síntoma do estado xeral dunha sociedade”.

 

“Outra prensa é posíbel… e necesaria”. Erik Dobaño considera que “o letorado non baixou, hai que dar con el” lembra nunha peza na que indica que “o poder político determinou a funcionalidade dos medios, que están ao seu servizo”. Xosé López fálanos dun ‘Sistema mediático en mudanza’, no que “sopran entos que poden abrir espazos para un cambio nas industrias culturais”. Manuel Vilas aborda as subvencións, convenios e publicidade cos medios de comunicación. ‘Quen paga, manda’. Pon sobre a mesa datos para entender a realidade mediática galega, como que 90% das axudas da Xunta aos medios repartouse á marxe das convocatorias de subvencións do DOG.

 

#Sermos 296

 

Esta cuarta feira chega aos quioscos e librerías o novo número do sem,anario Sermos Galiza, centrado no 17 de Maio, Día das Letras Galegas. O tema principal é María Victoria Moreno, a homenaxeada este ano. Daniel Salgado fai un percorrido polas obras sobre esta mestra e escritora.

Entrevistamos Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que ás portas da manifestación do 17M fala sobre a situación do noso idioma, as responsabilidades das administracións e do pulo social por defender a lingua. A política lingüística de Galiza é outra das cuestións abordadas neste número, no que tamén falamos do ‘pulo viaxeiro’ de Feixóo ou das novidades a respecto da situación de Catalunya.

 

A realidade do plan estratéxico para o naval ou dos recortes nos fondos europeos tamén son analizados neste número, no que temos espazo tamén para falar dos 200 anos do nacemento de Marx. Unha nova entrega de cómo se trata Galiza nos mapas históricos e unha entrevista a Xosé Ballesteros polo 20 aniversario de Kalandraka completan este número.  

 

E non faltan as colaboracións e achegas de Xoán Costa, David Otero, Marga do Val, Nacho Hortas e Tokio, Míriam Ferradáns, Mario Regueira, Andrés Castro, Francisco Castro, Merche Espiño, Colectivo Xea, Silvio Falcón, Teresa Moure e Manuel Gago.