Conversamos co actor, influencer e activista contra a discriminación

Thimbo Samb: "Non é fácil para min denunciar actitudes racistas con humor pero hai que seguir rompendo as barreiras"

Thimbo Samb. / Nós Diario
É orixinario do Senegal pero leva xa 14 anos residindo no Estado español. Achegouse até os cinemas Númax, en Compostela, para participar no programa Compostela + Solidaria, que organiza a Coordinadora Galega de ONGD (Organización Non Gobernamental para o Desenvolvemento) xunto ao Concello. Thimbo, que é actor, veu presentar Makun (non chores). Debuxos nun CIE, un documental de animación que recolle os milleiros de debuxos que os emigrantes deixan nos Centros de Internamento para Estranxeiros (CIE). 

Cóntenos como foi a súa participación no filme Makun (non chores)?
É un documental que trata sobre os CIE. Eu participei como actor pero non só por ser o meu oficio, senón tamén porque son activista en contra da discriminación e quería contar esa historia. Para min o proxecto constitúe unha razón máis para xustificar o feche deses centros, porque reflicte o que realmente se vive nos CIE e para min é unha forma de denunciar. Son, en realidade, cárceres racistas, non deben existir e estamos a pagar os nosos impostos para mantelos. O que quero dicir é que aquí en Europa, no primeiro mundo, no mundo civilizado estase a consentir que existan campos de concentración.

Antes de chegar á Península, estivo vostede nun CIE?
Estiven no de Tenerife durante 18 días e foi horríbel. Todos eses días sen ducharnos, non había auga quente e, de feito, estaba tan fría que até nos custaba lavar a boca. A comida non é que estivese mal pero acababamos de chegar... as culturas son moi diferentes, os sabores eran demasiado distintos... non nos sabía como debería e, polo tanto, comiamos mal. Despois dos 18 días leváronme a Madrid e de alí eu fun para Valencia, onde tiña un primo. Pero non había traballo, así que botei tres meses vivindo na rúa até que vin que tiña que saír adiante... E foi o que fixen.

Canto tempo leva vivindo no Estado español?
Xa levo 14 anos. Dedícome á interpretación e tamén a crear contidos para as miñas canles nas redes. Nelas, empecei a falar do racismo e da miña experiencia dunha maneira seria, pero o discurso empezou a chegar á xente unha vez que introducín un toque de humor. E non é fácil para min denunciar actitudes racistas con humor, non sempre é sinxelo pero hai que seguir rompendo as barreiras.

Que lles diría ás persoas que son racistas?
Eu vin aquí na busca dunha vida mellor pero tamén tiven que vir por causa do saqueo dos nosos recursos, da riqueza do meu país. Era pescador nun pobo do sur do Senegal e vía como os barcos de Occidente viñan pescar no noso mar e levar o noso peixe. Cando ves iso todos os días sabes que o día de mañá non terás traballo. Sempre digo, se queredes que non veñamos, o que tedes que facer é deixar de saquear os nosos recursos, deixádenos en paz e nós deixaremos de vir aquí.

Durante estes 14 anos, viviu moito racismo? Tamén no mundo do cine?
O racismo está en todas partes. Padecino cando vivín na rúa, cando traballei, no cine... porque cantos actores negros se coñecen no Estado? E hai actores negros. Dise que aquí é moi recente a emigración pero iso non é certo, nós xa somos a segunda xeración e hai unha terceira, así que, polo menos, o Estado leva 40 anos recibindo emigrantes negros. No cine sempre facemos de ‘negros’, persoas pobres que acaban de chegar, e xa deberiamos estar a falar de actores negros que protagonizasen unha historia.

Coida que é posíbel acabar coa discriminación?

A única maneira de superar o racismo no cine, por exemplo, é traballar en conxunto. Da mesma maneira que fixo no seu día Emilio Martí, o director de Makun... El quería facer un documental sobre o racismo e preguntounos a nós, ás persoas que o vivimos. A realidade é que, até deixarmos de ver a diferenza como un perigo, teremos un problema. A diferenza debe unirnos e non separarnos.