Tests de antíxenos, á venda sen receita

As farmacias comezan a vender tests de antíxenos sen receita. (Foto: Arxina).
O Consello de Ministras vén de aprobar o real decreto que regula a venda de tests de antíxenos en farmacias sen prescrición médica. A comunidade experta celebra a súa accesibilidade mais alerta de que non son infalíbeis. Son probas de diagnóstico rápido indicadas durante os primeiros cinco días de síntomas da Covid-19.

Tal como estaba previsto, o Ministerio de Sanidade autorizou a venda en farmacias dos tests de antíxenos. Poderanse adquirir sen receita médica, ao igual que un test de embarazo. O real decreto que regula o acceso libre a estas proba de autodiagnóstico da Covid foi aprobado no Consello de Ministras e Ministros desta terza feira, nun momento en que a transmisión do coronavirus segue disparada e urxe un control máis eficaz da progresión da pandemia, como sinalou a ministra Carolina Darias.

Libre acceso

Porén, o español é un dos últimos Estados da súa contorna en eliminar a barreira da prescrición médica, un requisito imprescindíbel até o momento para poder mercar unha proba destas características nunha botica. Alemaña, Francia, Portugal, Países Baixos, Bélxica, Austria e Italia xa venden desde hai tempo este tipo de tests diagnósticos á cidadanía, nalgúns casos tamén en supermercados, a prezos máis económicos dos recomendados aquí. 

"Unha vez saia publicada no BOE o norma que regula a venda destas probas de autodiagnóstico serán de libre acceso. Temos clientas que xa se interesaron por elas e hoxe imaxino que venderemos os primeiros test sen a obriga de receita", explica Nina Villasuso, voceira do Colexio de Farmacéuticas da Coruña. Con todo, aclara, "estes días o maior interese está en conseguir o certificado de vacinación europeo, que non deixan de vir reclamar todas as persoas que xa completaron a pauta".

Entre 7 e 15 euros

Villasuso rexenta unha farmacia en Mugardos, na comarca de Ferrol. "As probas que temos dispoñíbeis son unitarias. O prezo de venda recomendado é de entre 7 e 15 euros. Eu téñoas a 7,95 e non creo que ninguén a poña a 15", un custo máis difícil de asumir aínda para quen decida empregalas con eficiencia.

Uso frecuente 

A comunicade experta coincide. Os tests rápidos teñen sentido se se usan con frecuencia. Poder realizar unha proba de antíxenos na casa, seguindo as recomendacións de uso, sería unha boa maneira de detectar a Covid de forma rápida, reducir a transmisión do virus e as infeccións derivadas. Mais, a prezos tan elevados, a medida perde valor.

Específicos e sensíbeis

Con todo, as farmacias aceleraron nas últimas horas o contacto coas súas distribuidoras para contar con tests suficientes para atender a demanda, especialmente notábel en contornas máis poboadas. "É importante ter en conta que a Axencia Española do Medicamento exixe tests que cumpran uns requisitos mínimos: teñen que ter unha especificidade de 97% para recoñecer a ausencia do marcador da Covid e unha sensibilidade de 90% para detectar a presenza dese marcador", lembra Nina Villasuso.

Utilidade

A utilidade dos tests de antíxenos, apunta persoal médico a Nós Diario, "limítase, segundo estabelece a evidencia científica, ao período comprendido entre o primeiro e o quinto día de síntomas. Isto significa que en pacientes asintomáticos este test non é fiábel nin válido". 

Lecer nocturno 

Por definición, recalcan, "non sería un bo sistema para permitir o acceso a locais de ocio nocturno". Desde esta media noite Galiza exixe unha proba negativa ou o certificado de vacinación para acceder ao ocio nocturno. Admite tanto unha PCR nasofarínxea como un test de antíxenos ou de saliva negativos, realizados, como máximo, 72 horas antes. "Se ten síntomas, a xente xa non debera saír pola noite. Se falamos de persoas asintomáticas, as probas rápidas de autodiagnóstico non son fiábeis". Poderían dar negativo e estar contaxiadas.

Uso recomendado

Os tests de diagnóstico rápido teñen o seu sitio ben identificado "durante os primeiros cinco días de síntomas compatíbeis coa Covid". Nese suposto son ferramentas válidas e útiles, advirte a comunidade médica. Permiten detectar en 15 minutos e de forma "veraz" unha persoa positiva "E iso permite que os seus contactos estritos poidan ser illados o antes posíbel para evitar novos contaxios". 

Resultado positivo

Un test de antíxenos positivo implica o mesmo que unha PCR positiva: enfermidade activa. "A persoa debe illarse durante 10 días. Os seus contactos estreitos e conviventes tamén, á espera de que a Central de Seguimento de Contactos os chame para pedirlles a PCR do día 1 e do día 10". 

Resultado negativo

"Un resultado negativo en asintomáticos non quere dicir nada e ante unha proba negativa nun paciente con sintomatoloxía, prevalece a sospeita clínica. Cómpre solicitar unha PCR e confirmar o resultado. De ser negativo e persistir os síntomas, pódese pedir unha segunda proba PCR". Iso si, o doente permanecerá illado durante todo o proceso.

Avance contra o virus

A accesibilidade aos tests de antíxenos representa un avance malia chegar "algo tarde". Supoñen un diagnóstico rápido e precoz. "Realizados coa técnica correcta entre a poboación albo evitan demoras no diagnóstico de entre tres e catro días", tempo que tardan agora en dar cita e saír os resultados dada a "saturación" dos servizos de microbioloxía. Por iso, insiste o persoal médico, urxe evitar usos erróneos que desemboquen nunha falsa sensación de tranquilidade que leve a un avance dos contaxios.