Xustiza

Testemuñas periciais confirman que o acusado de matar a Jessica Méndez chocou contra ela "a conciencia"

O acusado de matar co seu coche en marzo de 2022 a Jéssica Méndez, J.C.E.I., durante o xuízo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Descartan a imprudencia, o descoido ou unha infracción de tráfico, e ven un sinistro provocado "de forma voluntaria".

Profesionais da peritaxe do Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) da Garda Civil confirmaron esta quinta feira que J.C.E.I. chocou co seu coche "a conciencia" contra o vehículo de Jessica Méndez, nunha intersección dunha pista coa N-550 en Barro (comarca de Pontevedra), o 17 de marzo de 2022, causándolle lesións tan graves que desembocaron na morte da moza, e sen que ela puidese facer nada para evitar a colisión.

Así o manifestaron estas persoas expertas, durante a súa comparecencia na Audiencia de Pontevedra, no xuízo contra J.C.E.I., acusado dun delito de asasinato agravado por motivos de xénero, e explicaron que, para elaborar os seus informes, tiveron en conta diversa documentación, así como a inspección realizada no lugar dos sinistro meses despois ou a análise dos vehículos implicados, a partir do que elaboraron diversas simulacións.

Estas expertas explicaron que, á vista de toda a información e desas simulacións, a súa conclusión é que J.C.E.I. circulaba pola N-550 e, un segundo antes do impacto co coche de Jessica (que estaba nunha pista perpendicular parado, á espera de incorporarse á estrada), realizou un xiro á dereita para impactar co turismo da vítima.

"Houbo unha conciencia e vontade do condutor de provocar a colisión", explicaron ante o tribunal, e lembraron que o coche do acusado tiña espazo, tempo e visibilidade para facer unha manobra evasiva, frear ou tentar evitar o choque, mais non hai indicios de que actuase nese sentido.

Ademais, descartaron que se puidese producir unha saída de vía por descoido ou outra circunstancia, xa que o propio bombeo da calzada (un avultamento para evitar as balsas de auga), se non se toca a dirección, non xustificaría ese desvío por si propio. "É necesaria unha manobra de xiro", recalcaron.

Os equipos de peritaxe, que estimaron que a velocidade do coche do acusado era de 81 km/h, descartaron tamén algún fallo mecánico ou eléctrico do vehículo, e sinalaron que Jessica "non tivo ningunha posibilidade de evitar" ao coche que se lle veu encima, que desprazou o seu vehículo máis de 16 metros.

Sinistro “provocado de forma consciente e voluntaria”

Na mesma liña manifestáronse os axentes do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra que acudiron ao lugar o día do sinistro. Estas testemuñas confirmaron que, cando chegaron, falaron co acusado, que manifestou que "non estaba mareado" , "que non se durmiu" e que a outra condutora metéraselle "diante da súa traxectoria”.

Así mesmo, explicaron que, nese primeiro momento, J.C.E.I. (que deu negativo nas probas de alcol e drogas) negou coñecer á vítima, e que confirmou que eran veciño e veciña momentos máis tarde, cando el xa estaba no hospital.

En opinión destas testemuñas periciais, as circunstancias deste sinistro carecían do "elemento de imprudencia" ou de "distracción" ou "infracción" que adoitan ter os accidentes de tráfico. "Non vimos por ningún lado indicios de que fose involuntario, máis ben todo o contrario", e sinalaron e engadiron que, precisamente por esas sospeitas, remitiron neses mesmos días as dilixencias ao grupo de delitos contra as persoas da Garda Civil.

Segundo sinalaron, había "indicios", como a posición dos coches tras o choque ou a ausencia de marcas de freada, que "facían pensar que non fora un accidente, senón un sinistro provocado de forma consciente e voluntaria".

Por outra parte, recalcaron que o coche da moza "estaba parado" cando se produciu a colisión e non había indicios de que Jessica fixese xa a manobra de incorporarse á N-550, como mantivo o acusado nos primeiros momentos tras o accidente, alegando que se lle botou " encima".

Con todo, no xuízo que esta decorrendo por estes feitos na Audiencia de Pontevedra, o avogado da defensa esgrimiu como argumento que o sinistro foi accidental, por unha saída de vía derivada dun momento de somnolencia do acusado.