Testemuñas advirten da prestación de servizos no pazo de Meirás por parte das Administracións

Primeira sesión do xuízo do Estado contra a familia Franco polo pazo de Meirás (Imaxe: Europa Press).
O garda hortelán do pazo entre 1982 e 1990 asegura que o seu salario foi sufragado pola Garda Civil e un veciño relatou como súa avoa perdeu a casa, cuxo terreo foi anexionado aos terreos do inmóbel.

Máis de medio centear de persoas concentráronse onte ás portas do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña coincidindo co inicio do xuízo no que o Estado busca demostrar que o pazo de Meirás é de dominio público, fronte ao defendido pola familia Franco. A candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, e integrantes de Anova, Marea Atlántica ou Podemos estiveron presentes.

A Administración estatal sostén que o inmóbel foi obtido a través dun proceso "coactivo", que se mantivo a costa do erario público, entre eles os do Estado, que os asumía na condición de residencia oficial do inmóbel, ou de Administracións locais.

Familiares do ditador defenden a legalidade da escritura do inmóbel de 1941, que a avogacía do Estado considera simulada, e aseguran que os custos do mantemento e mais a rehabilitación do pazo tras o incendio de 1978 correron ao seu cargo.

As preguntas realizadas ás testemuñas procuraron apoiar ou desmontar a tese de cada unha das partes. A primeira en declarar, un garda hortelán que desempeñou as súas funcións entre 1982 e 1990, afirmou que o seu salario foi sufragado pola Garda Civil. Tras o incendio de 1978, engadiu, o inmóbel non se atopaba "en condicións" de ser empregado nin a familia Franco se aloxaba nel.

Un veciño de Sada relatou como a súa avoa foi "presionada" para abandonar a casa, cuxo terreo foi anexionado ao pazo. Declarou que o edificio era custodiado por gardas civís, unha función que mantiveron até comezos da década dos 80, e posto a punto por "traballadores da Comandancia de Obras e xardineiros do Concello da Coruña".

Tras o incendio, no que segundo a testemuña colaborou o Exército na extición, a familia limitou a súa presencia a uns "días" no verán de 1996 sen máis presencia de persoal público nas instalacións. "A medidados dos 90 comezou a chegar xente que tiña tractores", detallou este veciño, engadindo que até entón percibiu o pazo"abandonado ou semiabandonado"

As testemuñas da familia Franco aseguraron que esta fixo uso do inmóbel logo da morte do ditador e que sufragou os gastos da rehabilitación tras o incendio. O ex rexedor de Sada, Ramón Rodríguez Ares, quen se definiu como "amigo" da familia do ditador, manifestou que o pazo "sempre foi unha propiedade privada".

Luis Fernando Quiroga Piñeyro, amigo da familia Martínez Bordiú Franco e sogro dunha das demandadas, precisou que as obras se desenvolveron entre 1998 e 2002. "Fraga dixo que non era posíbel axudar", engadiu, negando que as Administracións participasen nos arranxos. 

Segunda sesión

Hoxe declararán no xulgado Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, autores do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio e Manuel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e autor dun informe sobre as posibilidades de incorporar o pazo ao patrimonio público.