Test de antíxenos en persoas vacinadas, son fiábeis?

Test de antíxenos positivo (Imaxe: Nós Diario)

As probas de autodiagnóstico da Covid-19 escasean nas farmacias dada a proximidade das festas, mais son os test de antíxenos fiábeis para as persoas vacinadas?

As xuntanzas familiares con motivo do Nadal e a propagación do virus están a provocar desabastecemento de probas de antíxenos para detectar a Covid-19 nas farmacias. Probas que hai unha semana custaban 2,80 euros triplican o prezo nas boticas con stock dispoñíbel.

Á vez, as probas PCR que facilita o Sergas de maneira gratuíta en varios puntos da Galiza demóstranse insuficientes para a demanda que hai dada a falta de recursos e persoal na sanidade pública para realizar estes exames.

Os test de antíxenos ofrecen o resultado nun tempo inferior ao das probas PCR e o seu gasto tamén é menor. Porén, a fiabilidade que ofrecen as PCR é maior á da proba de antíxenos, nomeadamente, en persoas coa pauta completa da vacina.

O Departamento de Inmunoloxía da Universidade de Oxford explica que a PCR mide o material xenético do virus. Colle unha mostra, multiplícao e detéctao, de maneira que é máis sensíbel e específico que a proba de antíxenos, que só detecta as proteínas do virus da mostra.

“Un test de antíxenos precisa ter virus enteiros e se non ten suficiente, o test non os detectará. Non hai un procedemento que amplifique o sinal”, advirten especialistas.

O Goberno do Canadá dá cifras

O Goberno do Canadá é dos primeiros en expor na súa guía de detección da Covid que as probas de antíxenos teñen peores resultados na poboación vacinada.

“Como as vacinadas son menos susceptíbeis de teren síntomas e posúen unha carga viral máis débil, podemos agardar que estas probas sexan menos sensíbeis neste grupo de poboación”, recolle a guía, que mesmo ofrece cifras. “A sensibilidade é do 95% para as persoas que teñen unha carga viral elevada e do 41% para aquelas que teñen unha débil”, engade.

As persoas vacinadas teñen menos carga viral

As vacinas, como afirman as persoas expertas, non son esterilizantes, de maneira que unha persoa vacinada pode infectarse e transmitir, mais a carga viral das persoas coa pauta completa do fármaco contra a Covid é máis baixa e, en consecuente, ao ser menor, a proba de antíxenos é menos sensíbel porque hai máis dificultades para detectar proteínas dos virus presentes na mostra que se toma do nariz.

Malia a dificultade á hora de detectar persoas vacinadas que se contaxiaron, as probas de antíxenos seguen a ser unha ferramenta de importancia para evitar a propagación da Covid-19, pois unha carga viral alta -que os antíxenos son capaz de detectar- implica unha maior transmisibilidade do virus. Isto significa que se unha proba de antíxenos é positiva, a carga viral é o suficientemente alta para detectala e moi probabelmente pode contaxiar os contactos estreitos.

Unha proba de antíxenos negativa -e ben realizada- significaría baixa carga viral e, en consecuencia, menor probabilidade de contaxio en casos positivos.

As autoridades sanitarias insisten en non ter unha falsa sensación de seguridade e en utilizar outras medidas efectivas, como o uso da máscara, a ventilación dos espazos e a distancia interpersoal superior ao metro e medio.