O BNG reclama regular os prezos

Os test antíxenos, na Galiza, a 8 euros, en Portugal a 2,10 e en Alemaña a 0,75

Test de antíxenos (Foto: Rober Solsona / Europa Press).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa para exixir ao Goberno do Estado que interveña e regule os prezos das probas rápidas de auto diagnóstico para garantir “un acceso fácil e universal de toda a poboación”. Advirte de que mentres no Estado español, os test de antíxenos custan ao redor de 8 euros, en Portugal valen 2,10 euros e en Alemaña poden adquirirse cinco por 3,75.

O BNG, a través de Rego, reclama prezos equiparábeis aos existentes noutros países europeos e un abastecemento adecuado nas farmacias para frear o avance da sexta vaga e o aumento exponencial de contaxios, que hoxe marcaron o récord en toda a pandemia na Galiza.

O nacionalista pon de manifesto que o aumento de casos nas últimas semanas -que as persoas expertas relacionan coa variante Ómicron-, a proximidade de reunións familiares durante as festas do Nadal e a sexta vaga de contaxios disparou a demanda de probas rápidas de auto diagnóstico.

O incremento da demanda tamén elevou até 40% o prezo dos test, advirte Rego

“Puidemos ver longas ringleiras diante das farmacias para poder adquirilos. O incremento da demanda tamén elevou até 40% o prezo dos test, que xa era un dos máis altos en comparación aos existentes noutros países”, informa Rego. Ringleiras que tamén poden verse estes días nos casos das probas PCR gratuítas que realiza o Sergas e que non dan atendido a demanda por falta de persoal e de recursos.

“As probas de auto diagnóstico, ao igual que sucede co resto de material sanitario e hixiénico para previr o contaxio da COVID,  debe ter un prezo alcanzábel para a poboación, por iso reclamamos que se regulen os prezos dos test”, recolle o BNG nun comunicado de prensa.

De Portugal a Alemaña

Rego advirte de que noutros países europeos, os prezos son moito máis baixos e pon como exemplo Portugal. “Os mesmos test que se venden nas farmacias da Galiza por 8 euros, pódense comprar a partir de 2,10 euros", di. Tamén Alemaña, onde se pode adquirir un lote cinco test por 3,75 euros.

No caso de Portugal, di o BNG, o Estado facilitou o acceso a estas probas en todo o posíbel e, para iso, autorizou a venda en supermercados. "Unha comercialización masiva a un prezo alcanzábel que está a dar servizo neste momento non só á poboación portuguesa, senón a moitas persoas que cruzan a fronteira para adquirir facilmente o que é imposíbel no caso do Estado español".

Sistema de control en augas residuais

Tamén esta quinta feira o BNG reclamou á Xunta un proxecto integral para a detección da incidencia da Covid a través das augas residuais, unha ferramenta que a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, considerou "complementaria" ás xa existentes. Díxoo na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego, en resposta a unha pregunta dos nacionalistas sobre as actuacións previstas pola Xunta para a creación e financiamento dunha rede de vixilancia epidemiolóxica co fin da detección e da alerta anticipada do virus en augas residuais.

Expúxoa a iniciativa do BNG a deputada Montserrat Prado, quen aludiu ao proxecto impulsado desde a Edar de Bens, na Coruña, nunha intervención na que defendeu o modelo promovido desde a mesma como "útil" para esta detección. Ao fío diso, instou á Xunta a "liderar a vertebración deste sistema" a través dun "proxecto integral" na Galiza para o estudo da Covid a través das augas residuais.