A tesoira do PP levou 20 de cada 100 euros para a universidade galega

Asamblea PAS Universidade

O recorte orzamentario no sistema universitario galego foi do 20% nestes catro catro anos. Órganos de representación do persoal, sindicatos e colectivos convovan para esta sexta feira unha concentración na Praza do Obradoiro  (11:00), coincidindo coa inauguración do novo curso, para unha ‘tesoirada contra os recortes’. 

Os gobernos do PP de Rajoy e Feijóo “aplican sucesivamente unha implacable política de recortes co obxecto de afundir as universidades públicas galegas”. Así o denuncian colectivos representativos d@s traballadores das universidades, dos estudantes e diversos colectivos. E vólveno facer co gallo do inicio dun novo curso universitario que esta sexta feira arranca en Galiza. Por iso convocan hoxe, ás 11:00 e na compostelá Praza do Obradoiro, unha ‘Tesourada contra os recortes’. Convida a tod@s a asistir cunha tesoira na man (de papel ou cartón).

“A rebaixa orzamentaria no Sistema Universitario Galego é do 20% nos últimos catro anos. O financiamento estrutural, que cobre os gastos de persoal e os gastos correntes básicos das universidades, pasou en 2013 de 290,06 millóns de euros a 250,74 millóns”.

Taxas, becas,  precarización, fuga de cerebros..

Entre as denuncias desta vintena de colectivos, organizacións e entidades convocantes: A subida de taxas e a reforma Wert do sistema de bolsas “expulsan do ensino superior os estudantes de familias con menos recursos”. O persoal das universidades galegas leva varios anos sufrindo recortes salariais “cunha perda do poder adquisitivo do 25%”. A precarización do persoal é extrema e a Xunta de Galiza “vén de decidir non autorizar ningunha praza de profesorado laboral estable condenando á interinidade e a condicións laborais ínfimas ao profesorado”.

Tamén se sinala a fuga de cerebros, coa perda do investimento público na súa formación, está á orde do día. A masificación nas aulas, a imposibilidade de cumprir as esixencias da reforma de Boloña por unha redución masiva de persoal e medios para prácticas e outras actividades docentes, é unha lousa na formación dunha xeración de galegas e galegos.