AS MULLERES, AS MáIS AFECTADAS

Unha tese doutoral relaciona o gas radón co cancro de pulmón en persoas non fumadoras

A pneumóloga galega María Torres vén de recibir un sobresaliente cum laude na Universidade de Santiago de Compostela (USC) pola súa tese de doutoramento, na que investiga a influencia do gas radón nos casos de cancro de pulmón en persoas que non fumaron na súa vida.

Na súa tese doutoral, a pneumóloga estudou 192 pacientes, entre os que se atopan todos os casos detectados en sete hospitais públicos galegos. Tras analizar os dados, a doutora comprobou un aumento do risco de cancro de pulmón en persoas nunca fumadoras expostas a concentracións elevadas de radón residencial.

A franxa de idade estudada pola doutora é a incluída entre os 60 e os 80 anos de idade e a meirande parte dos casos detectados pertenceron ás mulleres, na súa meirande parte, traballadoras do fogar.

O gas radón, que penetra nas edificacións, é moi abundante no país dado o alto contido en granito do subsolo. Por iso a doutora sinala que debería terse en conta este factor á hora de construír novas vivendas, “o illamento é fundamental para impedir a penetración do gas radón nas vivendas”, advirte María Torres, que aposta na introdución de novas medidas preventivas no Código Técnico de Edificación.